A Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia subvencionou con 16.933,59 € o Programa de Emprego con Apoio que desenvolve a Fundación Down Compostela.

Enténdese por emprego con apoio o conxunto de accións de orientación e acompañamento individualizado no posto de traballo, prestadas por preparadores laborais especializados, que teñen por obxecto facilitar a adaptación social e laboral de traballadores con discapacidade con especiais dificultades de inserción laboral en empresas do mercado laboral ordinario de traballo en condicións similares ao resto dos traballadores que desempeñan postos equivalentes (artigo 2º do Real Decreto 870/2007, do 2 de xullo).

En termos de calidade, o Programa de Emprego con Apoio estrutúrase en 4 procesos esenciais: proceso de valoración e orientación para o emprego, proceso de prospección, proceso de inclusión sociolaboral e proceso de intervención con familias. De cada un destes procesos despréndense unha serie de accións: 

  • Busca de postos de traballo.
  • Orientación, asesoramento e acompañamento á persoa con discapacidade a través dun programa de adaptación ao posto de traballo individual para cada traballador/a.
  • Labores de achegamento e mutua axuda entre a persoa traballadora beneficiaria do programa de emprego con apoio, o empregador ou empregadora e o persoal da empresa.
  • Apoio á persoa traballadora no desenvolvemento de habilidades sociais e comunitarias.
  • Adestramento específico da persoa traballadora con discapacidade nas tarefas inherentes ao posto de traballo.
  • Seguimento da persoa traballadora e avaliación do proceso de inserción para a detección de necesidades e prevención de posibles ameazas ou riscos.
  • Asesoramento e información á empresa sobre as necesidades e procesos de adaptación do posto de traballo.
  • Elaboración de adaptacións ao posto de traballo, se fose necesario.

Obxectivos do proxecto

Ademais dos obxectivos contemplados dentro dos 4 procesos fundamentais citados anteriormente, para este proxecto defínense os seguintes obxectivos concretos:

  • Ofrecer os apoios necesarios para garantir o correcto desenvolvemento das habilidades e a autonomía necesaria para desempeñar os postos de traballo.
  • Proporcionar as adaptacións e/ou modificacións das mesmas que cada traballador/a necesite para levar a cabo as tarefas propias do seu posto de traballo.
  • Realizar un seguimento da persoa traballadora coa empresa durante o período de execución do Proxecto.
  • Manter os contratos conseguidos obxecto desta subvención, agás que a baixa se produza por mellora da situación laboral.
  • Acadar un alto grao de satisfacción (tanto das persoas beneficiarias como das empresas colaboradoras) co Proxecto de Emprego con Apoio.