A través dunha achega de 14.500€, a Deputación da Coruña colabora co proxecto “Desenvolvemento de competencias sociais e instrumentais” que a Fundación Down Compostela desenvolverá durante este ano 2021.

Este proxecto materialízase en sesións de atención directa dos programas de logopedia, lectoescritura, razoamento cognitivo e autonomía impartidas por profesionais do equipo multidisciplinar da entidade.

As persoas beneficiarias do mesmo residen en distintos concellos da contorna de Santiago de Compostela; atópanse en fase de escolarización nos seus centros educativos nas etapas de educación infantil, primaria, secundaria e formación profesional básica; e asisten á entidade para recibir atención especializada adecuada ás súas necesidades, sempre con proxección á vida adulta independente e inclusiva.

Os obxectivos desta actuación son os seguintes:

  • Mellorar a capacidade de comunicación das crianzas e dos mozos e mozas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais para favorecer a súa inclusión socio-educativa e a súa autonomía.
  • Mellorar as habilidades na lectura e na escritura para favorecer inclusión socio-educativa, as competencias comunicativas e a súa autonomía.
  • Potenciar as actividades mentais para desempeñar tarefas, resolver problemas e para ser un pensador independente e autónomo favorecendo así a inclusión socio-educativa e a súa autonomía.
  • Favorecer a autonomía en todos os ámbitos (persoal, social, escolar, urbana, doméstica…), de xeito que diminúan ao mínimo os apoios que reciben e poidan desenvolverse na súa sociedade como individuos libres, plenos e activos.
  • Alcanzar un alto grao de satisfacción das persoas usuarias en relación ás actividades do proxecto.
  • Conseguir que as familias das persoas participantes se amosen satisfeitas co proxecto.