A Asociación Síndrome de Down Compostela, a través das axudas enmarcadas no programa de Iniciativa Xove, da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social, pon en marcha o proxecto Re-cre-arte no lecer, cunha achega de 5.000 euros.

Con este proxecto, preténdese fomentar e proporcionar experiencias innovadoras, motivadoras, participativas e vitais, de achegamento a contornos e contidos culturais e normalizados que aporten un valor engadido ao mero disfrute do tempo de lecer, onde os e as participantes sexan os/as propios/as protagonistas, constituíndo parte activa e fundamental das actividades.

A importancia deste proxecto reside en seguir avanzando na normalización da vida social dos nosos mozos e mozas con Síndrome de Down ou discapacidade intelectual, fomentando, ao mesmo tempo, actitudes participativas e activas na sociedade e contribuíndo á mellora da súa autonomía.

O proxecto Re-cre-arte no lecer componse de 2 actividades: Creando Teatro (dende o 01/01/2018 ata o 15/10/2018) e Viaxe Cultural e Natureza (dende o 14/09/2018 ata o 16/09/2018).

Obxectivos da actuación:

O obxectivo xeral é fomentar nos rapaces e rapazas con Síndrome de Down e discapacidade intelectual a súa inclusión social e o desenvolvemento de habilidades sociais, autonomía e independencia para a xestión, disfrute e participación activa en actividades culturais e de lecer.

Como obxectivos específicos, preténdese:

  • Animar ao diálogo e á demanda de necesidades e intereses a través da proposta de actividades.
  • Proporcionar actividades culturais e de lecer entre os mozos e mozas beneficiarios/as do Proxecto.
  • Fomentar a participación dos usuarios e usuarias nas actividades do Proxecto.
  • Favorecer a capacidade de elección e a toma de decisións dos/as beneficiarios/as do Proxecto.
  • Potenciar as súas habilidades sociais, motrices, comunicativas e de autonomía.
  • Promover a colaboración con servizos do entorno.
  • Favorecer a visibilidade e capacidades das persoas con Síndrome de Down e discapacidade intelectual.
  • Lograr un alto grao de satisfacción dos usuarios e usuarias no Proxecto coas actividades realizadas.