Asociación Síndrome de Down Compostela, a través das axudas enmarcadas no programa de Iniciativa Xove, da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social, pon en marcha o proxecto Re-cre-arte no lecer, cunha achega de 5.000 euros.

O proxecto consta de 3 actividades, ‘Creando teatro’, ‘Obradoiro ode Xestión de residuos’ e ‘Viaxe cultural e natureza’,   dirixidas a persoas coa síndrome de Down e/ou dicapacidade intelectual maiores de 16 anos. 

Con este proxecto, preténdese fomentar e proporcionar experiencias innovadoras, motivadoras, participativas e vitais, de achegamento a contornos e contidos culturais e normalizados que aporten un valor engadido ao mero disfrute do tempo de lecer, onde os e as pessoas participantes sexan as propias protagonistas, constituíndo parte activa e fundamental das actividades.

A importancia deste proxecto reside en seguir avanzando na normalización da vida social dos nosos mozos e mozas con Síndrome de Down ou discapacidade intelectual, fomentando, ao mesmo tempo, actitudes participativas e activas na sociedade e contribuíndo á mellora da súa autonomía.

Obxectivos da actuación:

O obxectivo xeral é fomentar nas mozas e mozos con Síndrome de Down e discapacidade intelectual a súa inclusión social e o desenvolvemento de habilidades sociais, autonomía e independencia para a xestión, goce e participación activa en actividades culturais, para a mellar e conservación do ambiente e do patrimonio natural; e de lecer.