
A Fundación Down Compostela contratará a tres profesionais que desenvolverán as súas funcións no marco do Servizo de Promoción de Autonomía Persoal (SEPAP). As novas incorporacións ao cadro de persoal faise a través dos Programas de Cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro cunha achega da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de 66.150 euros, en base a orde do 30 de xullo de 2024 (DOG número 155).
O SEPAP de Down Compostela comprende un conxunto de recursos que procuran as habilidades sociais, académico-funcionais e adaptativas precisas para que as persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual incrementen o seu nivel de autonomía.
O obxectivo xeral da actuación é contribuír á mellora da calidade de vida das persoas coa síndrome de Down ou outras discapacidades intelectuais a través da provisión de apoios que cada persoa necesita en todos os ámbitos da súa vida, favorecendo a súa participación da forma máis autónoma e independente posible na comunidade, mediante o fortalecemento de recursos persoais, o adestramento da autonomía persoal, a aprendizaxe para unha vida autónoma independente, a xestión e desfrute do tempo de lecer, o acceso e participación en accións formativas e a incorporación ao emprego, entre outras.