Fomentar nos rapaces e rapazas con Síndrome de Down e discapacidade intelectual o desenvolvemento de habilidades sociais, autonomía e independencia para a xestión, disfrute e participación activa en actividades culturais e de lecer é o obxectivo principal do proxecto ‘Re-Cre-Arte no Lecer’ para o que a Consellería de Política Social destina unha subvención de 5.000 euros. Esta axuda enmárcase dentro da convocatoria ‘Iniciativa Xove’ da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. 

Promovido pola Asociación Down Compostela, o proxecto componse de dúas actividades: Creando Teatro (desenvolvido dende o 04/01/2016 ata o 30/09/2016) e Obradoiro de Pintura (dende o 04/01/2016 ata o 15/10/2016).

A importancia deste proxecto reside en seguir avanzando na normalización da vida social dos nosos xóvenes con Síndrome de Down ou discapacidade intelectual, fomentando, ao mesmo tempo, actitudes participativas e activas na sociedade e contribuíndo á mellora da súa autonomía.

Deste modo, coas actividades contempladas no proxecto, os mozos e mozas con Síndrome de Down e discapacidade intelectual non só aprenden valores como: traballo en equipo, responsabilidade, respecto, axuda, esforzo, etc.; senón que, ademais, melloran significativamente a súa autonomía, relacións interpersoais, habilidades sociais e laborais, iniciativa, motivación, aprendizaxe…