A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vén de subvencionar o programa de emprego con apoio de Down Compostela cunha achega de 7.584,15 euros, concedida ao Aveiro da orde do 29 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras do Plan Galicia Emprega de incentivos á contratación e á formación na empresa ordinaria e se realizaba a súa convocatoria para o ano 2022. A subvención destinarse a financiar dous proxectos que dan cobertura a tres persoas con síndrome de Down e discapacidad intelectual que asinaron un contrato laboral durante este ano.
O obxectivo do programa de Emprego con Apoio da Fundación Down Compostela é incorporar ao mercado laboral ordinario a persoas con síndrome de Down ou discapacidade intelectual.
Breve descrición do proxecto.
Enténdese por emprego con apoio o conxunto de accións de orientación e acompañamento individualizado no posto de traballo prestadas por preparadores laborais especializados, que teñen por obxecto facilitar a adaptación social e laboral de traballadores con discapacidade con especiais dificultades de inserción laboral en empresas do mercado laboral ordinario de traballo en condicións similares ao resto dos traballadores que desempeñan postos equivalentes (artigo 2º do Real Decreto 870/2007, do 2 de xullo).
En termos de calidade, o Programa de Emprego con Apoio estrutúrase en 4 procesos esenciais: proceso de valoración e orientación para o emprego, proceso de prospección, proceso de inclusión sociolaboral e proceso de intervención con familias. De cada un destes procesos despréndense unha serie de accións:
- Busca de postos de traballo.
- Orientación, asesoramento e acompañamento á persoa con discapacidade a través dun programa de adaptación ao posto de traballo individual para cada traballador/a.
- Labores de achegamento e mutua axuda entre a persoa traballadora beneficiaria do programa de emprego con apoio, o empregador ou empregadora e o persoal da empresa.
- Apoio á persoa traballadora no desenvolvemento de habilidades sociais e comunitarias.
- Adestramento específico da persoa traballadora con discapacidade nas tarefas inherentes ao posto de traballo.
- Seguimento da persoa traballadora e avaliación do proceso de inserción para a detección de necesidades e prevención de posibles ameazas ou riscos.
- Asesoramento e información á empresa sobre as necesidades e procesos de adaptación do posto de traballo.
- Elaboración de adaptacións ao posto de traballo, se fose necesario.
Obxectivos do proxecto:
Ademais dos obxectivos que Down Compostela establece no Programa de Emprego con Apoio contemplados dentro dos 4 procesos fundamentais en que se estrutura mencionados anteriormente, para este proxecto defínense os seguintes obxectivos concretos:
- Ofrecer os apoios necesarios para garantir o correcto desenvolvemento das habilidades e a autonomía necesaria para desempeñar os postos de traballo.
- Proporcionar as adaptacións e/ou modificacións das mesmas que cada traballador/a necesite para levar a cabo as tarefas propias do seu posto de traballo.
- Realizar un seguimento da persoa traballadora coa empresa durante o período de execución do Proxecto.
- Manter os contratos conseguidos obxecto desta subvención, agás que a baixa se produza por mellora da situación laboral.
- Acadar un alto grao de satisfacción (tanto das persoas beneficiarias como das empresas colaboradoras) co Proxecto de Emprego con Apoio.