
A Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia vén de financiar con 12.000 euros o programa Desenvolvemento de competencias sociais e instrumentais da Fundación Down Compostela. A achega concedeuse a través da orde do 16 de xullo de 2025 pola que se estableceron as bases reguladoras e se convocaron subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para entidades privadas sen ánimo de lucro co fin de realizar programas de carácter sociosanitario no ano 2025.
Breve descrición da actuación:
A intervención para o desenvolvemento de competencias sociais e instrumentais materialízase en sesións de atención directa das áreas de logopedia, lectoescritura, razoamento cognitivo e autonomía impartidas por profesionais do equipo multidisciplinar da entidade.
As persoas beneficiarias deste programa residen en distintos concellos, a maioría próximos a Santiago de Compostela, e no propio concello de Santiago de Compostela. Ademais, están en fase de escolarización nos seus centros educativos nas etapas de educación infantil, primaria, secundaria e formación profesional básica e asisten á entidade para recibir atención especializada adecuada ás súas necesidades.
Obxectivos da actuación:
O obxectivo xeral é mellorar as competencias sociais e instrumentais mediante a adquisición de habilidades lingüísticas, de comunicación, en lectura e escritura, cognitivas e de autonomía en nenas/os e mozas/os coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual favorecendo a súa inclusión socio-educativa e a súa autonomía.
