Mellorar a capacidade de comunicación, fomentar as posibilidades expresivas e creativas e as actividades mentais de nenos e nenas con Síndrome de Down ou outras discapacidades intelectuais son algún dos obxectivos que persegue o programa de Desenvolvemento de competencias sociais e emocionais da Fundación Down Compostela, que acaba de ser financiado pola Deputación da Coruña cunha achega de 20.000 euros para este ano 2020.

Breve descrición da actuación 

Un dos requisitos para ser autónomo e independente é desenvolver as competencias sociais e emocionais. A través das actuacións financiadas coa axuda da Deputación da Coruña, realízase intervención para o desenvolvemento destas competencias sociais e emocionais materializándose en sesións de atención directa dos programas de logopedia, de psicomotricidade e de razoamento cognitivo impartidas por profesionais do equipo multidisciplinar da entidade.

Para que esta sexa sistemática e eficaz deséñase un plan individual de atención para cada unha das persoas beneficiarias detallando os programas de intervención e os obxectivos individuais a conseguir coa implementación do proxecto.

Os beneficiarios deste proxecto están en fase de escolarización nos seus centros educativos nas etapas de educación infantil, primaria, secundaria e FP básica, e asisten á Fundación para recibir atención especializada adecuada ás súas necesidades actuais sempre con proxección á vida adulta independente e inclusiva.

Obxectivos da actuación

  • Mellorar a capacidade de comunicación dos menores coa síndrome de Down ou discapacidade intelectual en xeral para favorecer a súa inclusión socio-educativa e a súa autonomía.
  • Mellorar e fomentar as posibilidades motrices, expresivas, creativas e socio-afectivas dos nenas e nenas coa síndrome de Down ou discapacidade intelectual en xeral empregando o corpo como ferramenta para favorecer inclusión socio-educativa e a súa autonomía.
  • Potenciar as actividades mentais dos nenas/os e mozas/os coa síndrome de Down ou discapacidade intelectual en xeral para desempeñar tarefas, resolver problemas e para ser un pensador independente e autónomo favorecendo así a inclusión socio-educativa e a súa autonomía.