A Deputación da Coruña financia o programa ‘Desenvolvemento de competencias sociais e instrumentais’ da Fundación Down Compostela cunha achega de 12.480 euros, que representa unha financiación do 58% sobre o importe total do proxecto. Con este programa, dende Down Compostela preténdese mellorar a adquisición de habilidades lingüísticas, de comunicación, en lectura e escritura, entre outras, das persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual.
Breve descrición da actuación
A intervención para o desenvolvemento de competencias sociais e instrumentais materialízase en sesións de atención directa dos programas de logopedia, lectoescritura, razoamento cognitivo e autonomía impartidas por profesionais do equipo multidisciplinar da entidade.
As persoas beneficiarias deste proxecto residen en distintos concellos, a maioría próximos a Santiago de Compostela, así como no propio concello de Santiago; encóntranse en fase de escolarización nos seus centros educativos nas etapas de educación infantil, primaria, secundaria e formación profesional básica e asisten á entidade para recibir atención especializada adecuada ás súas necesidades, sempre con proxección á vida adulta independente e inclusiva.
Obxectivos da actuación
O obxectivo xeral é mellorar as competencias sociais e instrumentais mediante a adquisición de habilidades lingüísticas, de comunicación, en lectura e escritura, cognitivas e de autonomía en nenas/os e mozas/os coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual favorecendo a súa inclusión socio-educativa e a súa autonomía.