
A Asociación Down Compostela recibe unha achega de 5.000€ para poñer en marcha o proxecto “RE-CRE-ARTE NO LECER”. A achega procede das axudas enmarcadas no programa de Iniciativa Xove, da Dirección Xeral de Xuventude da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.
Breve descrición:
A finalidade deste proxecto é fomentar e proporcionar experiencias innovadoras, motivadoras, participativas e vitais, de achegamento a contornos e contidos culturais e normalizados que aportan un valor engadido ao mero disfrute do tempo de lecer, onde os/as participantes son os/as propios/as protagonistas, constituíndo parte activa e fundamental das actividades (non só na súa execución senón tamén na súa planificación). A importancia do mesmo, reside en seguir avanzando na normalización da vida social dos nosos xóvenes con Síndrome de Down ou discapacidade intelectual, fomentando, ao mesmo tempo, actitudes participativas e activas na sociedade e contribuíndo á mellora da súa autonomía.
Este Proxecto comprende unha actividade: Creando Teatro (dende o 01/01/2025 ata o 30/09/2025), na que se compón, ensaia, promociona, representa, e organiza unha obra de teatro, para a que os actores (persoas coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual) traballan e ensaian ao longo do período de desenvolvemento do Proxecto.
Obxectivos do proxecto
Obxectivo Xeral:
Fomentar nos rapaces e rapazas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual a súa inclusión social e o desenvolvemento de habilidades sociais, autonomía e independencia para a xestión, disfrute e participación activa en actividades culturais, a través do ensaio e representación dunha obra de teatro.
Obxectivos específicos:
- Animar ao diálogo e á demanda de necesidades e intereses a través da proposta de actividades.
- Proporcionar actividades culturais entre os mozos e mozas beneficiarios/as do Proxecto.
- Fomentar a participación das persoas usuarias na actividade do Proxecto “Creando Teatro”.
- Favorecer a capacidade de elección e a toma de decisións dos/as beneficiarios/as do Proxecto.
- Potenciar as súas habilidades sociais, motrices, cognitivas, comunicativas e de autonomía.
- Favorecer a visibilidade e capacidades das persoas con Síndrome de Down e discapacidade intelectual.
- Lograr un alto grao de satisfacción dos usuarios e usuarias no Proxecto coa actividade realizada.
