
A Consellería de Política Social da Xunta de Galicia vén de financiar o proxecto da Asociación Down Compostela Re-Cre-Arte no lecer cunha achega de 5.000 euros concedida a través das axudas enmarcada no programa Iniciativa Xove da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
A finalidade do projeto Re-Cre-Arte no Lecer é fomentar e proporcionar experiencias innovadoras, motivadoras, participativas e vitais, de achegamento a contornos e contidos culturais e normalizados que aportan un valor engadido ao mero disfrute do tempo de lecer, onde as persoas participantes son as protagonistas. A importancia deste proxecto reside en seguir avanzando na normalización da vida social da xuventude con Síndrome de Down ou discapacidade intelectual, fomentando, ao mesmo tempo, actitudes participativas e activas na sociedade e contribuíndo á mellora da súa autonomía.
Este Proxecto componse de 2 actividades: Creando Teatro (que se desenvolve dende o 01 de abril ata o 10 de outubro de 2022) e Viaxe Cultural e Coñecemento da Contorna (que se realizará entre o 20 de xuño e o 10 de outubro de 2022).
Obxectivos do proxecto
O objetivo xeral deste proxecto é fomentar nos rapaces e rapazas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual a súa inclusión social e o desenvolvemento de habilidades sociais, autonomía e independencia para a xestión, disfrute e participación activa en actividades culturais, de achegamento á contorna e de lecer.
Obxectivos específicos
- Animar ao diálogo e á demanda de necesidades e intereses a través da proposta de actividades.
- Proporcionar actividades culturais, de coñecemento da contorna e de lecer entre os mozos e mozas que se benefician do proxecto.
- Fomentar a participación das persoas usuarias nas actividades do proxecto.
- Favorecer a capacidade de elección e a toma de decisións das persoas beneficiarias do proxecto.
- Potenciar as súas habilidades sociais, motrices, cognitivas, comunicativas e de autonomía.
- Favorecer a visibilidade e capacidades das persoas con Síndrome de Down e discapacidade intelectual.
- Lograr un alto grao de satisfacción dos usuarios e usuarias no Proxecto coas actividades realizadas.