Eran ao redor das 11 da noite e os numerosos asistentes á 1ª Gala Solidaria en prol de Down Compostela reflectían nas súas caras o bo rato que viñan de pasar. O obxectivo estaba cumprido: máis de 6.000 euros recadados que servirán para sufragar os programas da Fundación Down Compostela.

Sonia López e Ramón Castro foron os presentadores desta Gala, apoiados en todo momento por Javier, Jacobo e Noelia, tres mozos da Asociación que fixeron as labores de co-presentadores e que portaron os distintos artigos que se ían presentando.

A Gala contou coa presenza entre outros de María Jesús Lago, Secretaria Xeral de Benestar, os Parlamentarios Alberto Núñez Feijoó, Luis Toxo e Modesta Riobó, e unha ampla representación do Concello de Santiago: Mar Martín, Xosé Manuel Iglesias, Xerardo Conde Roa, Amelia González, Ángel Espadas, Sánchez-Agustino, Paula Prado, e moitos outros. Ademais estaban representados todos os estamentos da cidade con persoeiros como Evaristo Nogueira, Manuel Caeiro ou Ramón Castro García. Tamén acudiron á Gala representantes das tres entidades bancarias que apoiaron a súa celebración.

Ante a solidaridade esquecéronse as cores políticas, e o que si houbo foi moita camaradería e diversión. As puxas comezaron timidamente, e foi Conde Roa quen se fixo co primeiro lote: a paxariña doada por Josemi Rodríguez Sieiro; ademais deste obxecto, Conde Roa adquiriu o libro ‘Contiños da Terra’ aportado polo nacionalista Néstor Rego.

Foi salientable a ‘competición’ que se estableceu entre a concelleira Amelia González e o representante do PP no Concello de Ames, Santiago Amor, que puxaron ambos pola pluma de Emilio Pérez Touriño, aínda que a gañadora foi Amelia, quen a adquiriu por 320 euros. María Jesús Lago foi outra das afortunadas que logrou adquirir un magnifico lote de libros dedicados de Xosé Neira Vilas e a súa dona Anisia.

Houbo infinidade de anécdotas, como a da avoa que puxou pola camiseta do Barça para o seu neto, ou algún asistente que esperaba impaciente un obxecto concreto (a garabata de Julio Iglesias) e que, para a súa satisfacción, conseguiu levar para a súa casa.

Os ánimos fóronse quentando a medida que avanzaba a velada, magnificamente espoleados polos presentadores. As poxas animáronse ata o punto de case triplicar os prezos de saída de moitos dos obxectos. O prezo máximo acadouse co cadro da Moncloa e a fotografía asinada que enviou José Luis Rodríguez Zapatero, que se adquiriu en 720 euros, e que serviu de remate de ouro da noite.

A velada rematou con satisfacción para todos. Os asistentes pasaron unha diferente e moi agradable velada e Onda Cero, promotora do evento, e a Fundación Down Compostela daban por cumprida a súa finalidade: sensibilizar e unir esforzos e vontades para mellorar a calidade de vida das persoas coa Síndrome de Down ou outras discapacidades intelectuais. O vindeiro ano repetirase a cita.