O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, a conselleira de Política Social, Fabiola García, o presidente da Fundación Down Compostela, Juan Martínez, e o presidente da Federación Down Galicia, Delmiro Prieto, participaron hoxe no acendido da Torre do Reloxo da Catedral de Santiago de Compostela, con motivo da conmemoración do Día Mundial da Síndrome de Down. Así, este monumento e outros emblemáticos de toda Galicia lucirán a cariña representativa de todo o Movemento Down na comunidade desde hoxe ata o domingo 21, data da celebración internacional.
Deste xeito, ás 20.30 horas e de xeito simultáneo, outros monumentos significativos galegos acenderon o emblema das entidades Down de Galicia, como a Torre de Hércules na Coruña, as Burgas en Ourense, a Catedral de Lugo ou o Convento de San Francisco en Pontevedra.

Actos simultáneos en toda Galicia
Representantes da administración autonómica e das entidades Down de Galicia participaron tamén nos actos de acendido dos monumentos nas outras seis principais cidades de Galicia.
Así, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañou a Patricia Serantes, presidenta de Teima Down Ferrol, e a membros da corporativa municipal no acendido da fachada do Concello ferrolá; o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, estivo con Manuel Álvarez, vicepresidente de Down Coruña, na Torre de Hércules; Javier Arias, delegado territorial da Xunta en Lugo, e María José Blanco Freire, presidenta de Down Lugo, participaron no acendido da Catedral da cidade; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acompañou a Sonia González, presidenta de Down Ourense, na iluminación das Burgas; Luis López, delegado territorial da Xunta en Pontevedra, estivo con Manuel Pérez, presidente de Down Pontevedra Xuntos, no Convento de San Francisco; e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuíña, acompañaron aos representantes da xunta directiva de Down Vigo no acendido da iluminación da sede da Delegación Territorial na cidade olívica.

21 de marzo, Día Mundial da Síndrome de Down
En decembro de 2011, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas designou o 21 de marzo Día Mundial da Síndrome de Down. Con esta celebración, a organización internacional quere xerar unha maior conciencia pública sobre a cuestión e lembrar a dignidade inherente, a valía e as valiosas contribucións das persoas con discapacidade intelectual como promotores do benestar e da diversidade das súas comunidades. Así mesmo, quere resaltar a importancia da súa autonomía e independencia individual, en particular a liberdade na toma das súas propias decisións.