O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, asinou esta mañá o convenio de colaboración coa Fundación Down Compostela, por importe de 10.000 euros, para por en marcha o programa ‘Isto é vida’. A sinatura celebrase no Pazo de Raxoi, dentro dun acto no que o alcalde asinou convenios con outras entidades sociais por un importe global superior aos 230.000 euros. Ademais de coa Fundación, os convenios de colaboración para 2021 establecéronse hoxe coas seguintes entidades sociais: FEAFES (60.000 euros), Don Bosco (5.000 euros), ASPANAES (3.000 euros), Fundación Andrea (3.000 euros) e Caritas Diocesana, con quen se asinaron dous convenios, un correspondente á Concellería de Políticas Sociais (120.000 euros) e outro á de Igualdade (30.000 euros). Estiveron presentes no acto as concelleiras Mila Castro e Mercedes Rosón.

O convenio coa Fundación Down Compostela financiará o proxecto de vida independemente «Isto é vida», que non se entende como un recurso no que a persoa beneficiaria vaia permanecer toda a vida, senón que está deseñado para capacitar as persoas coa Síndrome de Down ou discapacidade intelectual para vivir no seu propio fogar, para planificar o seu futuro e para realizar os seus proxectos de vida.

Actualmente, as persoas usuarias participan en estancias curtas que xeran experiencias de vida independente na que o grupo é o encargado de establecer unhas normas de convivencia baseadas no respecto e na participación activa dentro do fogar e a contorna comunitaria.

As estancias consisten en estratexias planificadas de aprendizaxe e capacitación en autonomía e vida independente. Ditas estancias teñen lugar entre semana, de luns a venres durante todo o ano, aínda que tamén se deseñan e desenvolven estancias nocturnas, durante a fin de semana.

O desenvolvemento das actividades ten lugar na vivenda de Fontiñas (que foi cedido á Fundación Down Compostela polo IGVS da Xunta de Galicia), onde as persoas usuarias levan a cabo as diferentes tarefas domésticas que a xestión dun fogar require. Deste xeito, e sempre coa supervisión e apoio de profesionais, acádanse, grazas á colaboración entre participantes, as súas familias e os profesionais, os obxectivos para os que naceu este proxecto.