• O Padroado da Fundación recoñece a implicación e aposta dos galardoados para facilitar a inclusión educativa, social e laboral das persoas con trisomía 21 e discapacidade intelectual
  • A gala de entrega celebrarse o 20 de marzo no Auditorio de Galicia para conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down

O Padroado da Fundación Down Compostela acordou por unanimidade recoñecer o traballo das profesoras da USC Carol Jean Gillanders e María José Caamaño Rojo, do CEIP Os Tilos e da empresa Balidea concedéndolles os Premios Down Compostela 2026 por facilitar a inclusión social, educativa e laboral das persoas con Síndrome de Down ou discapacidade intelectual. 

Os galardóns entregaranse o vindeiro 20 de marzo na gala que se celebrará na sala Ángel Brage do auditorio de Galicia e na que as persoas con Síndrome de Down e discapacidade intelectual volverán ser as protagonistas, xa que presentarán o acto e entregarán a escultura de Cándido Pazos que simbolizan estes premios, que celebran a súa décimo terceira edición. O acto comezará ás 19.30 horas para conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down, que se celebra ao día seguinte tras a decisión da ONU de dedicar o 21-3 ás persoas con Trisomía 21 dende o ano 2012.

Con estes galardóns, o Padroado da Fundación quere recoñecer a contribución de Carol Jean Gillanders e María José Caamaño polo seu compromiso coa inclusión, coa creatividade e coa sensibilización e responsabilidade social conectando a formación de futuros profesionais da educación coa participación das persoas con discapacidade intelectual, tendo en conta as achegas destas. 

Do CEIP Os Tilos resáltase que desenvolve ambientes de inclusión reais que lle facilitan ao alumnado con necesidades educativas desenvolver ao máximo as súas capacidades e habilidades, poñendo en práctica novas metodoloxías educativas e mudando estruturas para fomentar a inclusión.

Tamén se recoñece a aposta de Balidea Consulting & Programing por incorporar ao seu equipo a dúas mozas con Síndrome de Down, amosando así o seu compromiso coa responsabilidade social e facendo efectivo o dereito ao traballo e garantindo a igualdade de oportunidades.

O Padroado da Fundación, nunha reunión extraordinaria celebrada o 19 de febreiro, acordou por unanimidade conceder os galardóns, en base aos seguintes argumentos:

CEIP Os Tilos

No CEIP Os Tilos a comunidade educativa non pon o foco nas dificultades da persoa, senón que busca  a igualdade, o respecto e  crear ambientes de inclusión reais, ambientes dos que na actualidade se beneficia e desfruta Daniel Penalta.  

Este centro educativo é unha escola para todos e para todas, onde o alumnado con necesidades educativas desenvolve as súas capacidades e habilidades ao máximo. O equipo docente sabe que é necesario instaurar novas metodoloxías educativas e cambiar estruturas para fomentar a inclusión. 

Entender que detrás do alumnado coa síndrome de Down ou discapacidade intelectual hai soños, ilusións e capacidades é o primeiro paso para que o sistema educativo sexa realmente accesible e inclusivo

Balidea Consulting & Programing

Pola súa aposta pola inclusión laboral de persoas con síndrome de Down e polo seu forte compromiso coa responsabilidade social, facendo efectivo o dereito ao traballo e garantindo a igualdade de oportunidades.

En 2023, Balidea Consulting & Programming incorporou ao seu cadro de persoal a Sara Romero cun contrato de traballo temporal, que se consolidou en indefinido.  Dende entón, ademais de crecer persoal e profesionalmente, Sara puido demostrar a súa valía, contribuíndo a visibilizar as súas capacidades e habilidades. 

En 2025 a empresa deu un paso máis na súa aposta pola inclusión e contratou a Cristina Abalo.

Orgullosas de formar parte de Balidea, Sara e Cristina son un exemplo de normalización, autonomía, compromiso e responsabilidade. O seu soño de traballar e formar parte dun equipo fíxose realidade grazas a confianza do equipo directivo da empresa na súa valía e no programa de emprego con apoio de Down Compostela.

Carol Jean Gillanders e María José Caamaño Rojo

Ás profesoras da Universidade de Santiago Carol Jean Gillanders e María José Caamaño Rojo, polo seu compromiso coa inclusión, coa creatividade e coa sensibilización e a responsabilidade social no marco do proxecto ‘Cresined, creando sinerxía en educación’.

Este curso puxeron en marcha a interpretación de CASE, un conto musicado baseado nunha obra de Peter H. Reynolds. Creado de xeito colaborativo, CASE permitiu conectar universidade e sociedade nun proceso que contribúe á formación de futuros profesionais da educación dende unha ollada inclusiva e respectuosa coa diversidade. 

A metodoloxía empregada pon en valor as aportacións do estudantado da USC e a participación activa e as achegas das persoas con discapacidade intelectual. Ademais, xera experiencias educativas significativas para nenas e nenos, promovendo valores de igualdade, empatía, participación activa e inclusión real. Valores que tamén se teñen en conta en novo proxectos que xa están en marcha.

Premiados en edicións anteriores

Na primeira edición dos Premios Down Compostela, celebrada no 2012, foron galardoados o Concello de Santiago, a empresaria Sofía Cebro e Julio Castro Marcote, director do Hostal dos Reis Católicos. No 2013, os II Premios Down Compostela foron entregados ao CIEP Pérez Viondi de A Estrada, Pizza Móvil e BBVA. Os premiados no 2014 foron María García Quintas, a Asociación Cultural Rosalía de Castro, de Cacheiras (Teo), e a farmacéutica Keramat (Milladoiro, Ames).

No 2015 recibiron os Premios Down Compostela o catedrático de Estomatoloxía da USC Pedro Diz Dios, o Instituto As Fontiñas e Limpezas Salgado. No 2016 os galardoados foron o Concello de Rianxo, Leroy Merlín e José Antonio Rey. No 2017 foron entregados á ex directora do BBVA, Carmen Barbeito, o colexio Divino Maestro e a empresa XADE (que xestiona o Multiúsos Fontes de Sar e Santa Isabel). 

Os premios Down Compostela de 2018 foron para o Colexio Nuestra Señora del Rosario de Arzúa (colexio Atocha), a empresa Cafento, a directora do Centro Instituciones Galicia de Caixabank, María Jesús García Piñeiro; e a voluntaria Malena González Barreiro. No 2019 a Fundación premiou a Lourdes González-Laganá e Mar Caamaño; Vero Boquete, a escola infantil municipal de Meixonfrío e a empresa Universo Milongas. Os IX Premios Down Compostela (que se entregaron en 2022 tras quedar suspendidos no 2020 e 2021 pola pandemia do coronavirus) foron para a doutora María José Fernández Seara, o artista Xurxo Martiño e a empresa Emetel.

En 2023, os Premios Down Compostela recaeron en Burger King, a Escola de Música Play e o empresarios José María Fernández Chema. No ano 2024 recibiron o galardón Ofelia Vieites, El Corte Inglés de Santiago de Compostela e o IES Antón Losada Diéguez da Estrada. En 2025 foron galardoados a psicóloga e ex directora da Fundación Marta Rodríguez Lorenzo, o catedrático da USC Antonio Rodríguez Núñez e a empresa Seur Geopost.