Daniel foi unha das persoas de Down Compostela que participou na xornada ‘A diversidade no emprego’ organizada polo Concello de Ames para darlle visibilidade a ocupación laboral das persoas con discapacidade

Beatriz Martínez explicou os pormenores do programa de Emprego con Apoio da Fundación para facilitar a inserción laboral das persoas usuarias

Rocío Torres e Alex Lado tamén aparecen no vídeo sobre inclusión laboral que preparou a organización para estas xornadas

“Animo aos empresarios a que contraten a persoas con síndrome de Down ou discapacidade, a que confíen en nós, porque sabemos traballar”, asegurou Daniel Martínez durante a súa intervención na xornada A diversidade no emprego  organizada polo Concello de Ames co obxectivo de dar visibilidade e dignificar a ocupación laboral das persoas con discapacidade. A xornada celebrouse na casa da cultura do Milladoiro o 22 de maio e na mesma tamén participaron Beatriz Martínez Buceta, coordinadora do programa de emprego da Fundación Down Compostela; Alex Lado e Rocío Torres, así como representantes doutras entidades do terceiro sector. No acto proxectouse un vídeo sobre a inclusión laboral das persoas con discapacidade.

Con este iniciativa, Ames converteuse nun concello pioneiro na organización dunha xornada na que entidades, persoas con discapacidade, empresas e demais veciñanza gozaron dun espazo de convivencia e conversa arredor da normalización laboral deste colectivo.

Daniel Martínez, mozo con síndrome de Down usuario da Fundación Down Compostela, explicou que cando fai tres anos se incorporou a traballar en Millongas Parrillada de Bertamiráns “contou co apoio de Irene Boquete, preparadora laboral de Down Compostela; dos seus compañeiros e tamén de José Ribas”, director xeral do restaurante, que conta con once establecementos en toda Galicia e ten contratadas a varias persoas con discapacidade. “Hoxe síntome un máis do cadro de persoal”, asegurou Daniel Martínez na súa intervención, durante a que animou a outros empresarios “a confiar nas persoas con discapacidade, porque sabemos e queremos traballar”.

Beatriz Matínez, coordinadora de emprego de Down Compostela, explicou a metodoloxía do emprego con apoio que desenvolve a Fundación. “Cando xurde unha oportunidade laboral, acompañamos ás persoas con discapacidade e formámolas no propio posto de traballo para que aprendan a facer todas as tarifas que lle require a empresa. A medida que o traballador vai gañando autonomía retiramos gradualmente ese apoio, aínda que sempre realizamos un seguimento. O contacto coa empresa e coa persoa traballadora mantense durante toda a vixencia do contrato”, asegurou Beatriz Martínez, aclarando que dende a Fundación tamén se realiza un adestramento “no desprazamento ata o posto de traballo para fomentar a autonomía da persoa con discapacidade”.

Ademais de Daniel Martínez, Rocío Torres, empregada de Limpiezas Salgado, e Alex Lado, traballador de Burger King Cancelas, son dúas das persoas protagonistas do vídeo sobre inclusión laboral de persoas con discapacidade que producido polo Concello de Ames.

Nas pezas audiovisuais proxectadas na xornada participaron traballadores e traballadoras con discapacidade. Ademais de Daniel, Rocío e Alex, nos vídeos aparecen  Manuel, Carlos, Begoña, Maía, Víctor, Alexandre, Juan Manuel, Sonia, José Antonio, Carlos, Roi, Raquel, Sara, Fátima, Belén, Juan Carlos, Fernando, Carlos, Yolanda e Raquel. 

As entidades sociais e empresas que colaboraron coa xornada e na gravación do vídeo foron: Milongas Bertamiráns, Limpezas Salgado, A-Emotional light, Tecidos Tolemia, Clun, Burguer King Cancelas, Cogami, Coregal, Ilunion Testilcare, Dixardin e Combina Social.  

Tras a inauguración oficial celebrouse unha conversa coas persoas representantes das entidades colaboradoras: Beatriz Martínez, de Down Compostela; Pilar Míguez, de COGAMI; Noelia Rey, de Fundación ONCE-Inserta; Mayca Vidal, de CEGASAL; Rodrigo Mera, de FAXPG; e Raquel Dopico, asesora xurídica do departamento de Benestar Social do Concello de Ames. 

Na segunda das conversas tomaron a palabra as persoas protagonistas da xornada. José Antonio, empregado de A-Emotional Light; Daniel, empregado de Milongas Parrillada e José Ribas, director xeral do restaurante; e a vicepresidenta de Clun, Carmen Rodríguez,  que compartiron as súas experiencias e casos reais do mundo laboral e empresarial desde a óptica da discapacidade.

O alcalde de Ames, Blas García, recordou na inauguración que “hai persoas que nacen cunha discapacidade e outras que a adquiren ao longo da súa vida e non por iso deixan de facer a súa vida diaria” e “se hai algo que nos outorga dignidade ás persoas é poder ter un traballo que nos permita ser libres e autónomos”. O alcalde recoñeceu que “se hai unha cousa concreta da que me sinto moi orgulloso é o Club da Diversidade, onde as persoas mozas con algún tipo de discapacidade poden realizar actividades dentro do concello”, o que pon de manifesto o compromiso do Concello de Ames neste eido. 

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, quen valorou esta xornada como “moi especial” e amosou a súa esperanza de “que os demais concellos se impliquen e comecen a facer eventos coma este”, xa que “ir da man das asociacións, entidades e empresas é moi importante”. 

Pola súa parte, a concelleira de Benestar Social, Uxía García, sinalou que “aínda queda moito por traballar, pero imos na dirección correcta”, xa que as persoas “teñan ou non teñan discapacidade deben gozar dunha plena inclusión na nosa sociedade e, por tanto, no noso Concello de Ames”. Para a concelleira, a celebración desta gala é “unha forma de visibilizar, incluír e compartir”.

Tamén asistiron ás xornadas o presidente de CERMI Galicia, Ramón Sestayo; o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga; o presidente de Down Compostela, Juan Martínez; a directora rexional de Inserta Emprego, Beatriz Gallego; o vogal de CEGASAL, Ignacio Rodríguez; e a coordinadora de emprego da FAXPG, María Carmen Insua.A xornada retransmiteuse en directo por streeming (pódese ver neste enlace).

Alex Lado (esquerda), Rocío Torres e Daniel Martínez, despois da xornada