O presidente de Down Compostela, Juan Martínez, reclamou no seu discurso unha maior implicación da Administración para que as persoas con Síndrome de Down poidan demostrar todo o que son capaces de facer. No seu discurso durante a inauguración da nova sé social, Juan Martínez fixo un repaso aos dez anos de historia da Asociación Down Compostela, ‘dez anos de compromiso coas persoas con trisomía 21’ e recordou que a Fundación Down Compostela naceu coa vontade de aunar esforzos para que as persoas con Síndrome de Down teñan un futuro mellor.

A continuación reprodúcese o discurso íntegro do presidente de Down Compostela.

‘Sr. Presidente da Xunta, Sra. Presidenta do Parlamento, Sr. Alcalde de Santiago, Sr. Vicepresidente da Xunta, Sra. Conselleira de Sanidade, Sr. Presidente da Deputación da Coruña, estimados patrocinadores, amigas e amigos todos.

Benvidos á nova casa de Down Compostela, que agardamos sintan como súa a partir de agora. Nós estamos hoxe aquí porque Margarita, Elías, Marta, Daniel, Irene, Vanesa, Alberto, e así ata setenta e oito nenas e nenos, mozas e mozos, mulleres e homes con síndrome de Down animáronnos a emprender esta aventura que se chama Down Compostela.

Hai dez anos por estas datas, as dez familias que entón formabamos a Asociación estabamos reunidos non bar Eirado, de Xeneral Pardiñas, decidindo que facer coas 700.000 pesetas que Sofía Cebro e Xullo Castro nos entregaron despois de organizar unha exposición de encaixes de Camariñas no Hostal dos Reis Católicos. Alí decidimos asinar unha hipoteca de 16 millóns de pesetas para comprar a que foi a nosa casa ata hoxe. Un local en Fontiñas de 150 metros cadrados que quedou pequeno hai tempo. Por iso en 2002 empezamos a traballar non proxecto que hoxe están coñecendo. Alí, no bar Eirado, elexíronme presidente xa en 1997, e aquí sigo. Orgulloso de representar hoxe ás 78 familias que formamos Down Compostela e de ser o presidente dunha xunta directiva que traballou arreo e na que hai xente capaz de representar mellor ca min tanto a Asociación como a Fundación Down Compostela.

Nestes dez anos foron moitos os logros, o que conseguimos, porque na nosa xa gran familia gústanos sumar esforzos. Todo este traballo foi posible grazas ao tesón das familias, que aportan unha parte moi importante do orzamento e das ilusións da Asociación. Foi posible grazas á calidade dos nosos profesionais, que superan todas as incomodidades cun sorriso. A todos os voluntarios e alumnos da Universidade que traballaron connosco. Grazas a Marta Rodríguez, que non ano 2000 creu neste proxecto e deixou ou seu gabinete privado para converterse na nosa directora de programas. Grazas tamén aos empresarios que creron nas persoas con Síndrome de Down e decidiron contratalas.

En Down Compostela gústanos sumar e non restar, xuntar vontades para facer realidade proxectos coma este. Esta casa levantouse grazas a que administracións como o Concello de Santiago e a Deputación da Coruña, primeiro, e, despois a Vicepresidencia da Xunta creeron na súa viabilidade. Esta casa é hoxe unha realidade porque entidades como Ferrovial, Caixa Galicia, Caja Madrid, La Caixa, Fundación ONCE, Fundación Seur, Publiespaña, Grupo Lar, Grupo Correo Callego ou Cadena Ser, entre outros, botáronnos unha man. Sen a súa colaboración non o daríamos conseguido, porque o investimento supera o millón e medio de euros. Contamos con axudas, pero aínda así Down Compostela está asumindo máis dun trinta por cento do custo do proxecto.

Dicíalles antes que nos gusta sumar esforzos, que os nosos fillos se impliquen na sociedade na que viven, e que a sociedade nos coñeza de preto. Por iso, o ano pasado a Asociación, o Concello de Santiago, a Universidade de Santiago e a Cámara de Comercio de Santiago, creamos a Fundación Down Compostela. Porque todos xuntos chegaremos máis lonxe e lograremos que as persoas con Síndrome de Down poidan demostrar todo o que son capaces de facer.

Nesta casa traballaremos a partir de agora sempre coas portas abertas. Aquí seguiremos poñendo en marcha os programas de Atención Temperá, porque os servizos públicos non funcionan como deberían. Aquí seguiremos prestando apoio ás familias, facendo programas de logopedia, de apoio á integración escolar, de novas tecnoloxías, de reforzo cognitivo, de formación, de transición á vida adulta, de lecer e tempo libre, de habilidades sociais, e de emprego. E nesta nova casa empezaremos o programa de Vida Independente, porque as persoas con Síndrome de Down teñen o mesmo dereito ca nós a tomar as súas propias decisións.

Aquí seguiremos traballando porque eles, os nosos fillos e fillas, teñan as mesmas oportunidades ca nós. E dende aquí seguiremos reclamándolle á Administración as melloras pendentes. Reivindicacións que seguiremos canalizando a través da Federación Down Galicia e da Federación Down España, nas que nos sentimos plenamente representados.

Xa para rematar, permítanme só dúas palabras de agradecemento á miña familia, á miña muller e aos meus fillos, por apoiarme e saber agardar nas miñas ausencias pola adicación a esta causa.

Queridas autoridades, queridos patrocinadores, queridas amigas e amigos: as persoas con Síndrome de Down son capaces. Aquí temos unha proba. Eles só nos piden a oportunidade de poder demostralo. Nós, na Asociación e na Fundación Down Compostela, seguirémoslles dando esa oportunidade. Fagan vostedes ou mesmo.

Moitas grazas.’