Fai 2.400 anos o grego Arquímedes de Siracusa, para moitos un dos científicos máis importantes da antigüidade, dicíanos que se lle daban un punto de apoio movería o mundo. 

Fai 60 anos, o matemático e meteorólogo estadounidense Edward Norton falábanos do efecto bolboreta. Preguntábase se o bater das ás dunha bolboreta en Brasil podería producir un tornado en Texas.

Eu hoxe non lles quero falar de física, nin de palancas, nin da teoría do caos. Hoxe quero falarlles de persoas.

Premiadas e premiados, señora alcaldesa, señor conselleiro, señora deputada provincial, amigas e amigos.

Quero falarlles de persoas. Porque igual que Arquímedes, Norton e outras moitas foron quen de revolucionar teorías científicas, hai persoas que son quen de mellorar a nosa sociedade con pequenos cambios. Como se fosen bolboretas.

Cando naceron os nosos fillos e fillas démonos conta de que un cromosoma, algo tan pequeno que só pode verse a través dun potente microscopio, chegara para revolucionar as nosas vidas.

Cristina Abalo acaba de resumir moi ben moitas das situacións que se atopan a cotío as persoas con síndrome de Down ou discapacidade intelectual. 

Afortunadamente, tamén hai persoas que son capaces de poñer un punto de apoio para que cambie o mundo, e darlle a volta a esa análise DAFO que viamos no vídeo, para que o rexeitamento social e os prexuízos se convertan en oportunidades.

Un exemplo é o que, no seu día, fixeron no instituto da Estrada, entre outros, Ana Parada, José Manuel Puente, Xabier Camba, Pablo Belay ou Esteban Folgar. No momento no que Fabián chamou a porta do instituto, seguramente se preguntaron “E se lle damos unha oportunidade?…, e se mudamos algunhas metodoloxías?” Lembren o efecto bolboreta. Pequenos cambios poden conseguir grandes resultados. Como no seu día ocorrera con Sara Romero, no mesmo instituto. Hoxe Sara está traballando nunha empresa de ciberseguridade. Dende Down Compostela agradecemos moito ese esforzo e desexo de mudar as cousas no Antón Losada Diéguez.

Algo similar ocorreu no Corte Inglés de Santiago de Compostela, estando xa de directora Cristina García de Albéniz. Cónstanos que o traballo que fixeron dende o departamento de recursos humanos tanto Juan Antonio González, como Mónica Álvarez despois e, agora, Sonia Rodríguez foi fundamental para que hoxe Irene, Paula, Jacobo e Angélica estean traballando no voso centro. Irene, Paula e Jacobo xa cun contrato indefinido. 

Estámoslles moi agradecidos. E supoñemos que, como dicía Arquímedes, usaron unha palanca forte e moi longa (non sei se tivo que chegar ata Madrid), para dar ese cambio tan importante nunha grande empresa como é El Corte Inglés.

E que dicir de Ofelia Vieites, que leva moitos anos, dende 2015, abríndonos as portas da súa empresa familiar para que moitos mozos e mozas da Fundación fagan alí as súas prácticas formativas e teñan un primeiro contacto co mercado laboral.

Porque somos as persoas, todas e cada unha de nós, as que podemos cambiar o mundo. Para darlle unha oportunidade ás persoas con discapacidade moitas veces é suficiente considerar unha fortaleza o que a gran maioría so ve como debilidades ou ameazas 

Por diante aínda nos quedan moitos retos que afrontar e camiños por descubrir. Hai que seguir fomentando e impulsando a inclusión educativa para que os nosos fillos e fillas poidan acceder ao mercado laboral ordinario. Para que teñan as mesmas oportunidades ca nós. 

O reto do envellecemento e unha revolución que xa chama ás nosas portas. En Down Compostela temos familias nas que é a persoa con discapacidade quen está coidando de seus pais. E cada vez serán máis os casos.

Aos representantes políticos pídolles o mesmo que Cristina Abalo. Fagamos leis transversais que nos beneficien a todos, tamén ás persoas con Síndrome de Down. Leis como a maioría das que xa temos. E vixíen para que se cumpran. A incorporación de persoas con discapacidade intelectual como traballadoras nos concellos e nas deputacións segue estando pendente. E iso hai que mudalo.

Lembren que todos e cada un de nós estamos extracapacitados para algunha cousa. E cando vexan a unha persoa con síndrome de Down facilítenlle un punto de apoio e quedarán sorprendidos do resultado. 

Lembren sempre o efecto bolboreta.

Parabéns aos premiados. Moitas grazas por acompañarnos.