A quen de vostedes o médico lle regala un caramelo cando vai á consulta?

Coñecen a alguén que, cando iniciaba unha relación de parella, levaba os seus pais de carabina?

Boas tardes

Alcaldesa, conselleiro, deputada, premiadas, amigas e amigos; mozas e mozos coa síndrome de Down. Hoxe estamos aquí para celebrar o voso día. Estamos aquí para amosar todo o que avanzamos como sociedade e para recoñecer o traballo de persoas e entidades que vos axudan a medrar. Pero tamén estamos aquí para dicir moi claro aquilo que estamos facendo mal e que debemos mellorar como sociedade, como nos recordaba Mónica hai uns minutos.

A resposta as dúas primeiras preguntas podería ser DEPENDE. Sí, é unha resposta moi galega. E de que depende?. Verán vostedes, esa resposta vai depender da nosa mirada. Da túa mirada, da túa, da túa e da miña.  

Xa no lo dicía Ramón de Campoamor hai case 200 anos. “En este mundo traidor / nada es verdad ni mentira / todo es según el color / del cristal con que se mira”.

E que cristal utilizamos nós para ver, para mirar, para analizar ou para xulgar ás persoas con Síndrome de Down e con discapacidade? 

Utilizamos unha mirada cargada de prexuízos, que só ve as tres primeiras letras (a DIS), que se centra só nos problemas, nas dificultades, naquilo que NON PODEN facer?… como nos amosaban hai uns minutos os vídeos de Down España

Ou eliximos mirar as súas capacidades, os seus dereitos, as súas posibilidades?. Eliximos ver o esforzo e o traballo que fan cada día as persoas con discapacidade para seguir superándose e romper teitos de cristal?

Elixir unha mirada ou a outra é a nosa decisión. A de cada un de nós. É a responsabilidade que temos como persoa, como familia, como administración pública, ou como empresa. E debemos ser conscientes de que a nosa decisión vai definir en que sociedade queremos vivir.

Podemos optar pola mirada chea de prexuízos e crearemos unha sociedade retrógrada, na que haxa persoas de primeira, segunda ou terceira clase. Unha sociedade na que predominen os enfrontamentos, como estamos vendo cada vez con máis frecuencia, desgraciadamente.

Pero tamén podemos utilizar outra mirada. En Down Compostela apostamos por unha sociedade inclusiva, diversa, solidaria e avanzada na que todos e todas teñamos as mesmas oportunidades. Porque todos e todas, tamén as persoas con síndrome de Down, temos moito que aportar.

Sabemos que non estamos sos nesta reivindicación. Hai persoas, institucións e empresas que comparten a nosa mirada. Como fan no colexio dos Tilos  (CEIPP Os Tilos). O equipo directivo e docente está a mudar metodoloxías para acadar unha inclusión real da que xa se está a beneficiar Daniel, pero tamén todo o alumnado do centro. Fomentar a igualdade e o respecto dende o sistema educativo axuda a crear mellores persoas. Axuda a crear sociedades avanzadas, tolerantes e solidarias. Grazas Sofía e Ana.

Hai empresarios e empresarias, hai empresas como Balidea, que ven o talento tamén nas persoas con síndrome de Down. A decisión de incorporar a Sara e a Cristina ao seu cadro de persoal non foi só cousa do algoritmo. A mirada inclusiva do equipo directivo desta firma tecnolóxica foi determinante para cambiarlle a vida a estas dúas mozas, e penso que, tamén a dos seus compañeiros e compañeiras. Seguro que hoxe todos e todas xa miran doutro xeito a Sara e Cristina. Moitas grazas Pilar.

Na Universidade de Santiago tamén atopamos moitas aliadas e aliados para cambiar miradas. Carol Jean Gillanders e María José Camaño Rojo, son un exemplo destacado. Levan tempo tecendo redes e pontes para que os estudantes, os futuros profesionais da educación, coñezan a realidade das persoas con Síndrome de Down e con discapacidade intelectual. No proxecto Case todas e todos aprenderon a crear un conto musicado, e a gozar e compartir mentres o creaban, aínda que non fose perfecto. Porque nada é perfecto nesta vida. E o máis importante, o resultado dese traballo foi compartido cun cento de nenos e nenas de primeiro e segundo de primaria do colexio Quiroga Palacios, que non se fixaron na discapacidade, porque sobre o escenario estaban vendo un grupo de persoas que os facían gozar coa representación dun conto. Estou seguro, tamén, que cando eses universitarios empecen a dar clases en colexios e institutos mirarán ao alumnado doutro xeito. Grazas Carol e María José

E seguiremos intentando cambiar miradas a partir do vindeiro martes. O día 24 un grupo de mozos e mozas de Down Compostela irán por primeira vez á universidade para formarse. Empezamos un proxecto piloto de microcredenciais coa USC que tamén cambiará o enfoque do profesorado que imparta esas clases. 

Grazas señor Reitor, amigo Antonio, por facilitarnos todos estes proxectos. E moita sorte nesa nova etapa que estás a punto de comezar.

E ese cambio de mirada, seguro que continuará na centenaria Universidade de Santiago coa chegada de Rosa Crujeiras. A primeira reitora de Galicia en máis de 500 anos. Parabéns.

E xa remato. Verán. A todos nos gusta o sol. Pero as persoas con Síndrome de Down e discapacidade intelectual tamén gozan mirando as estrelas, como aconsellaba Rabindranath Tagore. Eles e elas seguen esforzándose día a día por demostrar todo o que son capaces de facer.

Se realmente queremos seguir avanzando cara unha sociedade máis inclusiva e máis xusta é o momento de lembrar a J.F. Kennedy. Preguntémonos, pregúntate: Que podo facer eu polas persoas con síndrome de Down?. Como podo axudarlles ás persoas con discapacidade? 

A resposta é máis sinxela do que parece. Non poñas limitacións. Cambia a túa mirada.Moitas grazas