A concelleira de Benestar Social, Paula Prado, asinou en Raxoi varios convenios de colaboración coa Asociación Down Compostela e outras entidades do concello como Fonte da Virxe, Aspas, Acem, San Vicente de Paúl, Don Bosco, Sarela, Fundación Andrea, TP Galicia e Cruz Vermella. Esta foi a primeira rolda de sinatura de acordos, que continuará nos vindeiros días ata completar a totalidade de convenios, que suman unha achega municipal de 398.000 euros.
Paula Prado lembrou o aumento que o Goberno local realizou na partida para estas axudas, co obxectivo de chegar a todas aquelas persoas que precisan algún tipo de axuda. Nalgúns casos o incremento da achega tradúcese en novos servizos e noutros no reforzo da actividade que xa viñan prestando estas entidades.
A Asociación Down destinará os 10.000 euros do convenio asinado hoxe a financiar o programa de Logopedia e Linguaxe que ten en marcha nas súas instalacións para axudar as persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual.
Unha novidade dos convenios deste exercicio é que inclúen unha cláusula pola que os sancionados por consumo de alcohol na vía pública poden realizar os traballos substitutivos nestas entidades.
Os convenios asinados nesta xornada foron os seguintes, coas súas correspondentes achegas:
– Down Compostela, 10.000 euros.
– Cruz Vermella de Santiago, 22.000 euros
– Asociación Fonte da Virxe de Familiares e Amigos dos Enfermos Mentais, 3.500 euros.
– Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual de Santiago (ASPAS), 4.600 euros.
– Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM), 2.700 euros.
– Asociación Voluntarias da Caridade de San Vicente de Paul, 4.600 euros.
– Escola de Tempo Libre e Animación Sociocultural Don Bosco, 2.000 euros.
– Asociación de Dano Cerebral de Compostela SARELA, 2.000 euros.
– Fundación Andrea, 3.000 euros.
– Asociación Galega para a Asistencia e Investigación dos Trastornos da Personalidade (TP Galicia), 2.000 euros.
