Sinatura do convenio entre o Concello De Santiago e Down Compostela para financiar o programa 'Esto é vida' en 2022
O presidente de Down Compostela (1º dereita) co alcalde e a Concelleira (ao fondo) durante a sinatura do convenio

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado pola concelleira de Políticas Sociais Mila Castro, asinou esta mañá un convenio de colaboración co presidente da Fundación Down Compostela, Juan Jesus Martinez Lopez, cunha achega de total de 10.000 euros para o desenvolvemento do programa de vida independente Esto é Vida, que pretende capacitar ás persoas coa Síndrome de Down ou discapacidade intelectual para vivir no seu propio fogar, planificar o seu futuro e a realizar os seus proxectos de vida.

As persoas usuarias de Down Compostela poden beneficiarse de estancias curtas na vivenda que a Fundación ten no barrio das Fontiñas, nas que o grupo é o encargado, seguindo sempre as directrices marcadas polo persoal profesional, de establecer unhas normas de convivencia baseadas no respecto e a participación activa dentro do fogar e na contorna comunitaria.

No acto desta mañá no pazo de Raio, o alcalde de Santiago asinou catro novos convenios por un valor total de 20.000 euros. Os acordos subscritos hoxe foron coa Asociación Banco de Alimentos, a Fundación Down Compostela, Aspanaes e o Colexio de Avogados de Santiago, que se suman aos outros 14 convenios asinados nas pasadas semanas con outras entidades sociais locais por un importe total de 427.500 euros.

Breve descripción do programa ‘Esto é vida’

O Programa Esto é Vida non se constitúe como un recurso asistencial, senón como un servizo de formación e capacitación para aprender a vivir de xeito independente. Está deseñado para capacitar ás persoas coa síndrome de Down ou discapacidade intelectual para vivir no seu propio fogar, planificar o seu futuro e realizar os seus proxectos de vida. O obxectivo principal é mellorar a calidade de vida das persoas atendidas, capacitándoas para unha vida autónoma e activa, plenamente integrada na sociedade.

Actualmente, as persoas beneficiarias participan en estancias curtas que xeran experiencias de vida independente na que o grupo é o encargado de establecer unhas normas de convivencia baseadas no respecto e na participación activa dentro do fogar e a contorna comunitaria.

Ditas estancias consisten en estratexias planificadas de aprendizaxe e capacitación en autonomía e vida independente. Teñen lugar entre semana, de luns a venres durante todo o ano, aínda que tamén se deseñan e desenvolven estancias nocturnas, durante a fin de semana.

O desenvolvemento das actividades ten lugar na vivenda cedida polo IGVS da Xunta de Galicia á Fundación Down Compostela situada no barrio das Fontiñas, en Santiago de Compostela. Nela as persoas usuarias desenvolven as diferentes tarefas domésticas que a xestión dun fogar require. Deste xeito, e sempre coa supervisión e apoio de profesionais, acádanse, grazas á colaboración entre participantes, as súas familias e os profesionais, os obxectivos para os que naceu este proxecto.