Down Compostela inaugurou onte a súa nova sé, ubicada en Alejandro Novo González, unha das rúas perpendiculares á avenida de Ferrol. Trátase de 933 metros cadrados útiles distribuídos en dúas plantas.

No piso superior hai trece salas para a prestación de servizos como a atención temperá, o apoio á integración escolar, novas tecnoloxías, etcétera. Destaca, con todo, un loft de 60 metros cadrados nos que se recrea unha auténtica vivenda. ‘Con ela empezaremos o programa Vida independente, porque as persoas con Síndrome de Down teñen o mesmo dereito que nós a tomar as súas propias decisións’, informou Juan Martínez, presidente de Down Compostela . Así que nela, os mozos aprenderán a vivir pola súa conta, segundo informou El Correo Gallego na súa edición do 27-04-2007

Na planta baixa do edificio ubícase, doutra banda, a zona de administración, espazos de uso comunitario e un salón para usos múltiples. Este último espazo serviu para celebrar a presentación desta nova casa. Á mesma asistiron o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño; a presidenta do Parlamento galego, Dolores Villarino; o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o vicepresidente do goberno autonómico, Anxo Quintana; a conselleira de Sanidade, María José Louro; o presidente da Diputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda; e un longo etcétera de personalidades da política e da vida social de Santiago e comarca.

Numerosas personalidades asistiron onte á inauguración do novo edificio de Down Compostela

Autoridades e parte do público asistente á inauguración

Todos eles visitaron as distintas dependencias. Touriño, ademais, descubriu unha placa e asinou no libro de ouro da institución, no que deixou por escrito o ‘compromiso da Xunta’ a prol desta asociación. A continuación viñeron os discursos, empezando polos de Grety e Elías, dous mozos que teñen trisomía 21 pero demostraron que, ademais de estar graduados na ESO, son bos oradores.

Grety acaba de renovar contrato no hotel Puerta del Camino e Elías soña con ser actor. Ambos non dubidaron en esixirlle ao presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e ao vicepresidente, Anxo Quintana, que a Administración ‘cumpra’ con eles, e os deixe ser realmente libres, porque ‘somos capaces’.

Delmiro Prieto, presidente de Down Galicia, sinalou, nesta dirección, que esta sé é ‘aparentemente unha estrutura de ladrillo e cemento, pero nós queremos que se converta nunha fiestra aberta á esperanza. Fai moi pouco, cando nacía un neno ou unha nena con Síndrome de Down, automaticamente todos poñíamos en marcha o rol da súa vida: diciamos o que podía facer e o que non. Pero bastaron uns anos para demostrar que unha persoa con trisomía 21 é un home e unha muller con capacidade de decidir, de ser os donos da súa propia vida’.

Na inauguración da nova sé, Grety, Elías, Álvaro (que lle regalou un cadro ao presidente da Xunta que pintou el mesmo), Marta, Daniel, Irene, Vanesa, Alberto e os setenta e oito nenos, nenas, homes e mulleres vinculados a Down Compostela demostraron que son quen de levar unha vida normal, traballar e manter unha vida social como todos os demais. Demostraron que tamén teñen orgullo.

Autoridades e patrocinadores pousan para a foto de familia

Para a construción do centro de servizos, Down Compostela contou coa colaboración de entidades públicas e privadas, entre elas o Concello de Santiago, Vicepresidencia da Xunta, Diputación da Coruña, Ferrovial Servicios, Obra Social de Caja Madrid; Obra Social de Caixa Galicia, Obra Social de la Caixa, Publiespaña, Fundación ONCE, Fundación SEUR, Grupo Lar, Grupo Correo Galego, Cadena Ser e Obra Social de Caixanova; ademais doutras empresas privadas e particulares que prefiren manterse no anonimato, segundo informou Juan Martínez.

Os DISCURSOS

‘Os servizos sociais non funcionan’

Como dicía Gretty, á hora dos discursos había dous partes: a dos membros da asociación, e a dos políticos. Por parte da primeira sección, Juan Martínez, presidente de Down Compostela, destacou que ‘os servizos públicos non funcionan como deberían’, e que a nova sé ‘foi posible grazas ao tesón das familias’.

E é que esta casa é moi importante para o futuro dos que teñen trisomía 21 porque nela ‘impartiranse clases de logopedia, apoio á integración, reforzo cognitivo, transición á vida adulta, habilidades sociais, axuda ao emprego, etcétera’, que non cobre neste momento a Administración’, dixo.

Delmiro Prieto, presidente de Down Galicia, insistiu, ademais, na necesidade desta atención para que ‘os nosos mozos sexan autónomos e independentes’.

Por parte dos políticos, Anxo Quintana respondeu que ‘a Xunta está substituíndo a política de parches do pasado’, e que agora fan unha política cara ás persoas con discapacidade e poñéndose como meta ‘a súa integración total como un verdadeiro exercizo dos seus dereitos’. Tamén dixo que Vicepresidencia aportou o 17% do custo deste centro (os propios socios aportaron o 30%).

Touriño, finalmente, indicou que ‘Galicia ocupaba os últimos lugares en investimento social’, pero que o seu goberno dedica o 61% do orzamento. O presidente da Xunta tamén falou da Lei de Dependencia, que ‘potenciará a autonomía das persoas con síndrome de Down’. Ademais, adiantou que o 7 de maio iniciaríase en Galicia o proceso de solicitude de valoración, do que se beneficiarán 16.500 dependentes’.

Os DATOS

Dez anos. Down Compostela naceu en 1997, cunha reunión nun bar. Entón os seus fundadores hipotecáronse para mercar un piso de 150 metros cadrados en Fontiñas. Onte inauguraron unha sé de case 1.000 metros, que custou 1,5 millóns de euros. A Fundación e a Asociación Down Compostela compartirán este espazo coa Federación galega.

Socios. A asociación atende a 78 familias de 28 concellos de A Coruña e Pontevedra. Conta con 143 socios.

Xunta. O Plan de Atención ás persoas con discapacidade da Xunta destinará en 2007, segundo Touriño, 10 millóns de euros para lograr o acceso destas persoas a un emprego digno.