A Fundación Down Compostela vai contratar antes de que remate o presente exercicio a catro profesionais para colaborar na prestación de servizos do Servizo de Promoción da Autonomía Persoal (SEPAP) grazas a unha achega de 70.668 euros que realiza a Consellería de Economía, Industria e Comercio da Xunta de Galicia a través dos Programas de Cooperación 2017

Contía da achega: 70.668 €

Breve descrición e obxectivos da actuación:

A Fundación Down Compostela contrata a través dos Programas de Cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro (Orde do 4 de outubro de 2017. DOG nº196) a 4 profesionais para a prestación de servizos no seu SEPAP.

Estes profesionais desenvolverán as súas funcións no marco do Servizo de Promoción da Autonomía Persoal (SEPAP) da Entidade en concreto vinculados ós proxectos de: Formación e Inclusión Sociolaboral, Autonomía e  independencia, Emprego con Apoio e Habilidades Adaptativas, Ocio.

O obxectivo xeral da actuación e contribuír á mellora da calidade de vida das persoas coa Síndrome de Down ou outras discapacidades intelectuais a través da provisión dos apoios que cada unha delas precisen.

De xeito máis concreto o obxectivo que persegue cada un dos proxectos anteriormente relacionados son:

Formación e Inclusión Sociolaboral: brindar os apoios que cada usuario/a necesita para favorecer a autodeterminación, non discriminación e igualdade de oportunidades, inclusión social e laboral e a participación social activa.

Autonomía e  independencia: Conseguir que os/as usuarios/as participantes adquiran as habilidades de autonomía correspondentes a cada unha das áreas vitais (persoal, social, urbana, doméstica, etc.), de xeito que diminúan os apoios recibidos e se convertan en individuos activos socialmente e o máis autónomos posible, así como favorecer a implicación das súas familias nesta consecución de independencia.

Emprego con Apoio e Habilidades Adaptativas:acadar o maior número de insercións socio-laborais e conquerir que as persoas acaden as maiores cotas posibles en autonomía, calidade de vida, integración na sociedade e desenvolvemento persoal co fin de proporcionar unha atención integral ás persoas coas que e para as que traballamos.

Ocio: facilitar a toma de conciencia da vivencia persoal do ocio e o desenvolvemento de habilidades e destrezas para poder realizar actividades elexidas libremente en función das súas preferencias e aficións.