A Fundación Down Compostela vai poder contratar catro profesionais para incorporar ao Servizo de Promoción da Autonomía Persoal (SEPAP)grazas a financiación de 74.124 euros obtida a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro que promoveu a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade a través da orde do 12 de xullo de 2022 (DOG número 139).

Estes profesionais desenvolverán as súas funcións no marco do SEPAP da Fundación vinculados aos programas de inclusión social e laboral, autonomía e ocio.

O obxectivo xeral da actuación e contribuír á mellora da calidade de vida das persoas coa síndrome de Down ou outras discapacidades intelectuais a través da provisión de apoios que cada persoa necesite. 

De xeito máis concreto, o obxectivo que persegue cada un dos programas anteriormente relacionados son:

  1. Inclusión Social e Laboral: brindar os apoios que cada persoa necesita para favorecer a autodeterminación, non discriminación e igualdade de oportunidades, inclusión social e laboral e a participación social activa.
  2. Autonomía: Conseguir que as persoas participantes adquiran as habilidades de autonomía correspondentes a cada unha das áreas vitais (persoal, social, urbana, doméstica…), de xeito que diminúan os apoios recibidos e se convertan en persoas activas socialmente e o máis autónomas posible. 
  3. Ocio: Facilitar a toma de conciencia da vivencia persoal do ocio e o desenvolvemento de habilidades e destrezas para poder realizar actividades elixidas libremente en función das súas preferencias e afeccións.