A partir deste mércores 30 de setembro ábrese un prazo de solicitude de 10 días hábiles para presentar as solicitudes
A Universidade de Santiago de Compostela, a través da Vicerreitoría de Estudantado, Igualdade, Diversidade e Benestar, e a Fundación DOWN Compostela veñen de convocar unha praza para participar no proxecto de convivencia e aloxamento compartido desenvolvido no marco do Programa de Vida Independente ‘Isto é Vida’, que promove a Fundación.
A persoa seleccionada, estudante da USC, disporá dunha praza de aloxamento gratuíta en habitación individual nunha das vivendas do programa, nas que convivirá con persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais. O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días hábiles, a contar desde este mércores 30 de setembro.
O proxecto constitúe unha experiencia de convivencia inclusiva baseada na reciprocidade, no apoio mutuo, na aprendizaxe compartida, na participación comunitaria e no respecto á diversidade, favorecendo a creación de relacións significativas entre estudantado universitario da USC e persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais participantes. A participación ten carácter convivencial, social e formativo e non constitúe unha actividade de voluntariado nin implica a realización de funcións profesionais, asistenciais, sanitarias ou educativas especializadas.
As persoas solicitantes deben estar matriculadas nunha titulación oficial da USC durante o presente curso académico no campus de Santiago de Compostela, ser maior de idade, ter residencia habitual fóra da cidade e non presentar circunstancias persoais ou de saúde que poidan comprometer gravemente o desenvolvemento da convivencia ou a seguridade.
A persoa elixida asumirá os seus gastos de manutención e terá cubertos pola Fundación Down Compostela o aloxamento e os gastos correntes de electricidade, gas,auga e conexión a Internet.
