
A Deputación da Coruña, a través do programa de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para o investimento de servizos sociais no ano 2025 (Convocatoria FOIE/2025), concedeylle á Fundación Down Compostela unha axuda de 1.046€ para o proxecto “Mellora do equipamento da aula de desenvolvemento cognitivo”.
Breve descrición da actuación:
Todos os programas e actividades que desenvolve a Fundación Down Compostela están recollidos no SEPAP (Servizo de Promoción da Autonomía Persoal).O SEPAP debe entenderse como un conxunto de recursos que procuran as habilidades sociais, académico-funcionais e adaptativas precisas para que as persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual, incrementen os seus niveis de autonomía. Isto faise a través de diferentes programas de intervención en función das áreas establecidas. Na aula de desenvolvemento cognitivo lévanse a cabo sesións de atención directa do programa de cognitivo tanto con persoas usuarias da área de inclusión educativa (nenas/os e mozas/os con síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual) como con persoas usuarias da área de vida adulta e independente (neste caso, un grupo de persoas adultas con síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual de idade avanzada que se encontran ao inicio da etapa de envellecemento).
Para paliar as dificultades asociadas ás persoas coa síndrome de Down (dificultades para xeneralizar, clasificar, categorizar, comprender conceptos abstractos, memorizar, desenvolver o razoamento matemático…) e reforzar estes aspectos, resulta necesario un correcto equipamento e o uso de ferramentas que faciliten unha adecuada e eficaz intervención encamiñada a potenciar a participación activa, a mellorar a atención, a comprensión e o rendemento intelectual.
Obxectivos da actuación
O obxectivo xeral da inversión é mellorar o equipamento da aula de desenvolvemento cognitivo de nenas/os e persoas adultas coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual, para, a través del, potenciar as competencias sociais e instrumentais mediante a adquisición de habilidades cognitivas en nenas/os e persoas adultas coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual favorecendo a súa inclusión socio-educativa e a súa autonomía.
