Un ateigado Salón Teatro acolleu o pasado venres, 7 de xuño, a estrea da obra ‘Oro líquido’, do Grupo de Teatro Down Compostela.

Quince mozos e mozas con síndrome de Down ou discapacidade intelectual recibiron unha gran ovación do público tras representar este espectáculo, baseado no relato ‘Las aceitunas’, de Lope de Rueda, que adaptou Lucas Herrador.

O elenco de rapaces e rapazas que apareceron sobre as táboas do Salón Teatro fórmano Teresa Fraga, Raquel Suárez, David Aldrey, Kevin Suárez, Daniel Martínez, Javier Prieto, Carmiña Romero, Marina Menéndez, Irene Rodríguez, Daniel López, Javier Cacharrón, Yasmín Malás, Alba Muíños, Elena Zas e Yone Zas; arroupados por un equipo técnico de profesionais da entidade e dirixidos por Lucas Herrador. 

Nunha longa traxectoria que supera xa os dez anos, o Grupo de Teatro Down Compostela conseguiu galardóns como o Premio do Público na Mostra de Teatro de Rianxo de 2017. ‘Oro líquido’ é a súa décimo terceira produción, despois de ‘A pantalla máxica’ (Teatro Principal, 2023), ‘Todos os camiños levan a Santiago’ (Salón Teatro, 2019), ‘La mansión de José Cruz’ (2018),  ‘Arturo, Arthur, Artur’ (Salón Teatro, 2017), ‘Búscame a este tipo’ (Salón Teatro, 2016), ‘Solo ante la Peligros’ (Salón Teatro, 2015), ‘Alicia en el país de las maravillas’ (Auditorio de Galicia, 2009), ‘Esopo y sus fábulas’ (Sala Nasa, 2010), ‘Romeo y Julieta’ (Sala Nasa, 2011), ‘Fuenteovejuna’ (Salón Teatro, 2012), ‘Bodas de sangre’ (Salón Teatro e Casa de Cultura de Milladoiro, 2013) e ‘Las pruebas de Hércules’ (Salón Teatro e Casa de Cultura de Milladoiro, 2014).