• “Somos persoas activas, con metas, aspiracións e opinións”, asegura a moza con trisomía 21 que presentou a gala don Diego Viaño ||
  • “Queremos inclusión e loitaremos por ela. Non somos invisibles” di a mocidade da fundación na letra dunha canción que compuxeron con IA ||
  • Marta Rodríguez Lorenzo, Seur e Antonio Rodríguez Núñez recolleron os galardóns diante de máis de 250 persoas ||
  • O presidente da Fundación puxo en valor o traballo dos premiados por darlles unha oportunidade as persoas con discapacidade ||
  • A gala estivo presidida pola alcaldesa de Santiago, a conselleira de Política Social e o presidente da Deputación da Coruña ||

“Somos persoas activas, con metas, aspiracións e opinións. Hoxe é o día para facer oír a nosa voz e para reclamar unha sociedade máis inclusiva”, asegurou Irene Rodríguez-Toubes, a moza con síndrome de Down que copresentou a gala de entrega dos XII Premios Down Compostela, cos que a Fundación recoñece o traballo de Marta Rodríguez Lorenzo, Antonio Rodríguez Núñez e de Seur.

O acto celebrouse na sala Mozart do auditorio de Galicia, presidido pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; pola conselleira e Política Social, Fabiola García, e polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso. Á gala asistiron máis de 250 persoas, entre as que se atopaban o reitor da USC, Antonio López; as directoras xerais da Xunta Judith Fernández (Educación, Ciencia e Universidade), Begoña Abeijón (Política Social), e Marta Mariño (Emprego, Comercio e Emigración); as parlamentarias autonómicas Carmen Pomar Silvia Longueira; os alcaldes de Brión, Pablo Lago; Padrón, Anxo Arca, e Riaxo, Julián Bustelo; así como representantes da Corporación de Santiago, Ames, Porto do Son e outros concellos nos que ten presenza Down Compostela, entre outras autoridades.

Autoridades e premiados antes de comezar a gala

Na lectura do manifesto institucional polo Día Mundial da Síndrome de Down, ademais de reivindicar unha sociedade máis inclusiva, Irene Rodríguez-Toubes, reclamou os dereitos das persoas con trisomía 21 e lembrou que “é moito máis o que nos une que o que nos diferenza. As persoas con síndrome de Down sentimos, pensamos, queremos, crecemos e ilusionámonos coma calquera”, afirmou a moza, que copresentou a gala co xornalista da TVG Diego Viaño.

Irene deu paso a un videoclip Inclusión en Compostela, unha canción feita con intelixencia artificial na que os seus compañeiros e compañeiras do programa de inclusión social alzan a súa voz para asegurar “queremos inclusión e loitaremos por ela”. “Non somos invisibles, podemos cambiar o destino” asegura a letra creada polas propias persoas con discapacidade que hoxe quixeron facer resoar a súa voz.

Durante a súa intervención, o presidente da Fundación, Juan Martínez agradeceu o traballo das persoas galardoadas por axudar “a que se escoite a voz das persoas con discapacidade, por axudarlles a tomar as súas propias decisións, a cambiar o seu destino e para que se lles recoñeza o seu esforzo”, como fixeron Seur Geopost ou Antonio Rodríguez Núñez nos últimos anos. O presidente tivo recoñecemento especial para Marta Rodríguez Lorenzo, que foi directora de Down Compostela durante máis de vinte anos. “Marta foi e é un piar fundamental en Down Compostela. Foi o cemento que soubo xuntar ás familias, consolidar un excelente equipo de profesionais e un apoio fundamental para o equipo directivo. E, sobre todo, destacou por crer nas persoas con síndrome de Down e discapacidade, poñendo sempre o foco nas súas capacidades e en todo o que poden facer”, afirmou Martínez.

Durante a gala actuou o artista compostelán Fran Allo, que apresentou un tema dos seus novos projetos

Os premiados

Antía Losada e Pablo Balado entregáronlle o galardón a Antonio Rodríguez Núñez, do que resaltaron a súa visión para contar coas persoas con trisomía 21 e ter en conta as súas aportacións nalgunhas das investigacións que dirixe dende IDIS, e tamén por facilitar a sensibilización do alumnado de Enfermería da USC. 

“Grazas, Antonio por tratarnos como  iguais, por acercarnos un pouco máis a saúde a través das novas tecnoloxías,  a ser conscientes do importante que é coidarse,  mellorar e avanzar. Este premio é para ti, para que sigas tendo ti e o teu equipo ganas e forza para seguir investigando e contribuído a mellorar a nosa calidade de vida”, asegurou Antía antes de que Pablo lle entregara a man que simboliza o Premio Down Compostela.

Manuel Otero contou durante a gala a súa experiencia como traballador en Seur Santiago dende hai tres anos, antes de entregarlle o galardón a responsable de recursos humanos da zona noroeste da firma, Carla Salgado Fernández. Con este galardón, a fundación quere recoñecer a aposta que fixo a empresa en Santiago por incorporar ao mercado laboral a persoas con discapacidade intelectual.

Daniel López e Daniel Martínez foron os encargados de darlle o premio a Marta Rodríguez Lorenzo, quen durante os case 25 anos que traballou como directora da entidade converteuse nun referente para as familias e puxo en marcha moitos dos programas que contribuíron a mellorar a calidade de vida das persoas con síndrome de Down.

“Marta, este premio Down Compostela é para ti porque nos acompañaches nos momentos máis importantes das nosas vidas, cando aprendemos a comer, a falar, a andar, a ir á escola, a vida de adulto. Porque sempre nos apoiaches e confiaches nas nosas capacidades. Porque o mereces. Só podemos darche as grazas e decirche que te queremos” asegurou Daniel López, antes de que o seu compañeiro, Daniel Martínez, lle entregase o galardón a Marta Rodríguez, que recibiu unha grande ovación.