Irene Rodríguez-Toubes copresentou a gala de entrega dos Premios Down Compostela, que se celebrou na sala Mozart do Auditorio de Galicia e á que asistiron máis de 250 persoas. Irene foi a encargada de ler o Manifesto institucional de Down Galicia polo Día Mundial da Síndrome de Down, que se recolle integramente:

Hoxe é 21 de marzo e conmemoramos o Día Mundial da Síndrome de Down.

E queremos dicir a todo o mundo ben alto e ben claro:

Que as persoas coa síndrome de Down somos iguais que aquelas que non teñen esta alteración cromosómica:

sentimos, pensamos, queremos, crecemos e ilusionámonos coma calquera.

Como di a campaña de Down España para este ano: somos “Tan coma ti”, “Tan coma vós”.

Pero se somos tan parecidos, por que costa tanto incluírnos? Por que non temos as mesmas oportunidades?

Por iso, nun día como hoxe queremos deixar claro:

Que un cromosoma extra non pode ser a escusa para privarnos dos nosos dereitos.

Temos dereito a ser persoas autónomas e independentes. A estudar, a traballar, a querer, a divertirnos e a relacionarnos. 

E, por suposto, temos dereito a tomar as nosas propias decisións e a formar parte da sociedade.

Que é moito máis o que nos une que o que nos diferencia. Estamos cansos de que nos etiqueten, e de todos os prexuízos que existen sobre nós. Non somos nenos e nenas eternamente, nin unha carga familiar. Somos persoas activas, con metas, aspiracións e opinións.

Por todo isto, queremos que este Día Mundial da Síndrome de Down sexa un día para facer oír a nosa voz e para reclamar unha sociedade máis inclusiva.

Moitas grazas.