Discurso do presidente da Fundación Down Compostela durante o acto de conmemoración do 21M, Día Mundial da Síndrome de Down, en Santiago
Boas noites a todas e a todos.
Alcalde, director xeral, deputada provincial, amigas e amigos. Grazas por acompañarnos nun día tan especial para Down Compostela. Despois de dous anos duros por mor da pandemia volvemos reunirnos no Hostal para celebrar o Día Mundial da Síndrome de Down e entregar uns premios cos que, dende 2012, queremos destacar o traballo daquelas persoas, empresas ou institucións que axudan ás persoas con Síndrome de Down e outras discapacidades a facer realidade o seu proxecto de vida.
Dende Down Compostela queremos agradecerlles a todas e a todos a vosa presenza. Así como lle agradecemos a comprensión e pedímoslles desculpas a todas aquelas persoas que querían estar connosco e non poden asistir polas limitacións de aforo. Quixemos organizar un acto sinxelo e máis reducido do habitual para seguir loitando contra a covid-19.
Hoxe tamén é un día especial para nós porque estamos de aniversario. Fai 25 anos dez familias asinábamos a acta fundacional de Down Compostela na carballeira de San Lourenzo. Alí empezou o Camiño que nos trouxo ata aquí. Aqueles dez fundadores e fundadoras foron Daniel Martínez, Javier Prieto, Marta López, Cristina Villar, José Manuel Muíño, Iria Duro, Daniel López, Álvaro Díez, Jesús Rey e Daniel Pombo. A eles sumáronse durante este 25 anos máis dun cento de persoas con Síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais ata conformar o que hoxe é a Fundación Down Compostela. Grazas a todas elas por animarnos, empuxarnos e axudarnos a chegar ata aquí. Sen a súa forza non sería posible.
E como en toda familia, tampouco poderiamos facer sos este longo camiño. Dicía Carlos Gardel que “vinte anos non son nada”, aínda que todos sabemos que é moito tempo . Afortunadamente, en Down Compostela atopamos moitas estrelas que nos sorriron e iluminaron o noso camiño, como canta a Banda da Loba nesa fermosa canción que convertemos no noso himno e que se titula ‘Tres en raia’.
E hoxe queremos agradecerlles a todas esas estrelas a súa axuda. Empezando polos premiados desta edición, que tardaron dous anos en recoller o seu galardón. María José Seara, Xurxo Martiño e a empresa Emetel son tres exemplos desas mans que tamén nos empuxaron para chegar ata aquí. Moitras grazas pola vosa axuda.
E grazas tamén a todos eses empresarios e empresarias que nestes anos creron nas posibilidades das persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual para incorporarse ao mercado laboral. Uns empresarios que, por poñer só un exemplo, nestes dous anos tan duros para todos converteron en indefinidos a moitos dos nosos mozos e mozas que estaban contratados nas súas empresas.
Queremos facer extensivo este agradecemento as administracións que atenderon moitas das nosas reivindicacións. Empezando polo Concello de Santiago, a Deputación e a Xunta de Galicia. Quedan aínda moitos puntos que negociar e moitas cousas que mellorar. Pero agradecemos que nuns tempos nos que uns poucos prefiren as bombas, outros moitos apostamos polo diálogo para seguir avanzando e mellorando.
E non quero esquecerme da parte máis importante de todo isto. As nenas e nenos, mozas e mozos e persoas adultas con Síndrome de Down. Sen a vosa forza, as vosas ilusións, as vosas ganas de cambiar o mundo para facelo mellor e máis humano hoxe non estariamos aquí. Durante este 25 anos que me toucou pilotar este gran barco sentín sempre o voso apoio e as vosas ganas por mellorar as cousas. Como fixestes, de maneira exemplar, durante estes dous últimos anos. Non perdades nunca a ilusión e as ganas de cambiar o mundo. As familias estaremos sempre ao voso carón. Nese gran e excelente equipo de profesionais que temos na Fundación atoparedes sempre o primeiro apoio, e nas institucións e entidades aquí representadas estou seguro que tamén haberá persoas dispostas a promover os cambios necesarios para acadar un mundo mellor.
Como di o lema da campaña que este ano puxo en marcha Down España para conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down, grazas a todas e a todos polo apoio prestado neste longo camiñar.
A Federación Iberoamericana de Síndrome de Down recórdanos tamén neste día o importantes que son os apoios dos que temos máis preto para seguir avanzando. Tede sempre presente que “unha persoa fai a diferencia, moitas persoas fan o cambio. Non o esquezas. Todo cambia contigo”.Moitas grazas.