O fotógrafo Fuco Reyes inaugurou onte no Colexio de Fonseca, en Santiago, a exposición de fotografías ‘Tan lonxe, tan preto’ nas que se recollen instantáneas das sesión de beleza que mozas e mozos da FUNDACIÓN DOWN COMPOSTELA participaron no salón Maina&CO. A iniciativa xurdiu de Mariana Mariño, que lle formulou á DOWN COMPOSTELA realizar talleres para que os xoves puidesen mellorar a súa imaxe e prepararse para entrevista de traballos, etc. Deste proxecto xurdiu a exposición que, segundo Mariana Mariño, “me aportou máis a min que eu a eles”.

A exposición, que se poderá visitar no Colexio de Fonseca (sede do reitorado da USC) ata o 30 de xuño, en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas, xurdiu dun proxecto promovido por Maina &Co coa colaboración de Down Compostela, a xenerosa cesión de vestiario por parte de La Bella Otero e Adan e o apoio da Universidade de Santiago de Compostela a través da súa Área de Cultura. As fotografías foron realizadas por Fuco Reyes.

Na inauguración, que estivo presidida pola vicerreitora da USC Mar Lorenzo, o presidente de DOWN COMPOSTELA, Juan Martínez, agradeceu a iniciativa de Mariana Mariño e Fuco Reyes para poder “amosarlle á sociedade que as persoas con discapacidade teñen as mesmas necesidades que calquera de nós”, e a USC que cedese o espazo para poder contemplar a exposición. O presidente de DOWN COMPOSTELA engadiu que este proxecto serve “para  achegar ao resto da sociedade a realidade cotiá das persoas con discapacidade intelectual, que teñen as mesmas necesidades, ilusións e proxecto que calquera de nós. Como di o título da iniciativa, están moito más preto de nós do que moitas veces nos imaxinamos”, engadiu Juan Martínez.

Fuco Reyes

O fotógrafo, na presentación que se pode leer na sá de exposición, xustifica o nome “Tan lonxe, tan preto” co seguinte texto:

Os muros máis altos non están nas fronteiras físicas, están nas nosas propias crenzas. Vivimos nunha sociedade na que o desigual, o especial, é rexeitado. Debuxamos liñas que nos separan do que temos preto sen darnos conta de que son os nosos estereotipos e prexuízos  os  que  modelan  as  nosas  actitudes   cara   o   que   percibimos   como  diferente. Entender de onde veñen estas crenzas pódenos permitir desdebuxar estas fronteiras que só serven para protexer a nosa propia ignorancia sobre quen somos.

A inclusión de quen etiquetamos como diferente en actividades cotiás favorece por unha parte a percepción de quen se sente distinto de que forma parte dunha comunidade aberta e, por outra e máis importante, a que as persoas involucradas nestas actividades vémonos obrigadas a cambiar as nosas actitudes para resolver a discrepancia que xorde entre a vivencia que supón o contacto directo e os nosos prexuízos. Aprendemos que desde esa diferenza pódese comprender o que significa o respecto, o importante que é o desexo de compartir, recórdanos que posuímos esa vontade de dar e de darse, a marabilla que é encontrarnos con quen é distinto a nós. Hai persoas que nos fan ser conscientes de que cada ser humano é único e especial e que todos somos, afortunadamente, diferentes.

‘O valor da diferencia’, poema de Xosé Ramón López

No acto inaugural, Paula Fernández, unha das mozas que participou neste proxecto de Maina&CO, leu un verso do poema que compuxo Xosé Ramón López Boullón, titulado ‘O valor da diferenza’. O poema íntegro dí así:

Somos unha suma de infinitos.

De variables

Todos somos diferentes

Vivimos na asimetría

Fisicamente diferentes

Con diferentes ideas

E diferentes formas de expresar

os sentimentos.

Convivimos nun mundo diverso

Persoas de diferente idade

Diferente sexo

Nun mundo biodiferente

Multicultural

Coa riqueza da diversidade do medio

Coa riqueza da diversidade lingüística

Coa riqueza da diversidade humana

E semella que non queremos aproveitar

A oportunidade que nos ofrece

Ser diferentes

Nada do que nos rodea  nin ninguén

E igual a outro algo ou a outro alguén

Cada quen é diferente e único

Pero tratamos de sobrevivir

Na antonimia da vida

Relacionándonos entre significados opostos

Nunha permanente contradición

Entre a felicidade e a dor

A paz e a violencia

O amor  e o desamor

A sinceridade  e a hipocrisia

En medio deste caos

Está a beleza da asimetría

O valor da diferenza

Que nos sorprende decote

Con tabús ocultos tras eufemismos

No canto de compartir xuntos

O único  certo que expresa a diferenza

Que podemos aprender uns dos outros

Vivindo uns cos outros

Sen prexuízos

Sen estereotipos

Coa beleza integradora

Transformadora da diferenza