Quince mozos e mozas coa Síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais da Fundación Down Compostela están a participar no curso “Cociña de pratos fríos e catering” que organiza a Asociación Terras de Compostela e imparte a entidade social.

Durante noventa horas, estes mozos e mozas adquirirán coñecementos sobre a elaboración de almorzos, canapés e pinchos, primeiros pratos sen lume e estupendas sobremesas. A través dunha metodoloxía participativa, o curso inclúe diversas accións para a mellora da cualificación profesional das persoas participantes, e por conseguinte, fomenta a súa empregabilidade tanto por conta allea como a través do emprendemento.

O curso, que comezou o pasado 2 de xullo e que se estenderá ata o vindeiro 28 de setembro, está dirixido á poboación activa coa Síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais do territorio de actuación do GDR Terras de Compostela e ten como obxectivo a capacitación das persoas participantes no perfil profesional de cociñeiro ou cociñeira, neste caso relacionado cos servizos de catering e cociña fría.

A formación laboral ten como obxectivo fundamental a capacitación dunha persoa e é unha excelente maneira de que aquelas que teñen discapacidade intelectual logren unha inclusión real no entorno laboral ordinario. Por iso, a formación é un dos piares básicos na procura de emprego e un dos pasos previos para acadar unha vida máis autónoma.

Este plan de formación está financiado con cargo a medida Leader do PDR de Galicia 2014-2020 – Proxectos de formación coa finalidade de incrementar a empregabilidade da poboacion activa do territorio (Submedida 19.2).