Juan Martinez, esquerda, e Blanca Taboada, durante a súa intervención na FIE

Juan Martinez, esquerda, e Blanca Taboada, durante a súa intervención na FIE

O presidente da Fundación Down Compostela, Juan Martínez, e a responsable da área de formación e emprego, Blanca Taboada, presentaron no marco da I Feira Internacional do Emprego a iniciativa que esta entidade leva desenvolvendo desde o ano 2002 para acadar a inclusión efectiva deste colectivo no mercado laboral ordinario. Trátase do programa “emprego con apoio”, a través do cal se pon a disposición da persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual un sistema estruturado de apoio e acompañamento para guialas no proceso de inserción socio-laboral e asegurar a súa correcta incorporación e o mantemento do posto de traballo na empresa privada. Deste xeito, os usuarios que se incorporan a un posto, contan co apoio dun preparador laboral encargado de levar a cabo unha formación específica no propio posto de traballo, desenvolvendo estratexias de aprendizaxe para que o usuario poida ir adquirindo progresivamente unha adecuada execución das tarefas. O apoio tamén se centra na potenciación da interacción social cos compañeiros de traballo e na mediación na relación con eles para que se desenvolva de xeito positivo e natural.

Paralelamente, as entidades Down realizan unha labor de prospección laboral co fin de dar a coñecer esta iniciativa entre o tecido empresarial e acadar a súa colaboración no que se refire a inclusións sociolaborais deste colectivo por medio de contratos e/ou prácticas laborais. Esta metodoloxía arroxou o pasado ano un resultado de 101 empresas colaboradoras en todo o ámbito galego e 151 usuarios, dos cales 122 contaron alo menos cun contrato ou unha práctica laboral ao longo do exercicio. Concretamente, na área de Compostela o 80% dos usuarios contratados a través deste programa, contan cun contrato indefinido co apoio da Fundación Down Compostela.

Doutra banda a participación e cada vez maior presenza das persoas con discapacidade intelectual nas empresas ordinarias contribúe de xeito eficaz a desterrar os tópicos que tradicionalmente se lles atribúe a este colectivo, resultando un xeito sumamente eficaz de integración social. Contribúe, asimesmo, a propiciar un cambio de visión, de persoa con discapacidade e traballador, constatándose unha importante implicación dos compañeiros e compañeiras na aceptación da diversidade.

Outro dato salientable é que, grazas ao éxito desta iniciativa, cada vez máis empresas que se comprometen con este programa teñen coñecemento previo do traballo que se está levando a cabo a través doutras empresas que xa están colaborando co mesmo, feito que se atribúe aos bos resultados do servizo, aumentando a confianza na metodoloxía “emprego con apoio” como unha vía válida para a inserción sociolaboral das persoas con discapacidade intelectual.