Juan Martínez, esquerda, Manuel Mirás e Carla Lojo durante o acto de inauguración da Exposición Miradas

Juan Martínez, esquerda, Manuel Mirás e Carla Lojo durante a inauguración de Miradas

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e o presidente da Fundación Down Compostela, Juan Martínez, inauguraron na noite de onte martes a mostra “Miradas”, unha exposición composta de 27 fotografías de 5 fotógrafos profesionais que, de xeito altruísta, aceptaron o reto de reflectir en imaxes a súa particular forma de ver as persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual. Unha exposición que estará aberta ao público no centro cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro ata o vindeiro 22 de xaneiro.

 Manuel Mirás agradeceu a iniciativa da Fundación Down Compostela xa que “isto é máis que unhas fotos, é algo que nos sensibiliza co Síndrome de Down e nos demostra, como ben dicides, que son moitas máis as semellanzas que as diferenzas as que nos separan con estas persoas”. Un punto no que incidiu Juan Martínez, quen espera que “nestes quince días a xente que as vexa se dea conta de que detrás hai unha persoa cuns obxectivos e cunha esperanza, persoas que queren conseguir moitas cousas nesta vida”. Algo do que deu testemuño Carla Lojo, unha das integrantes da Fundación Down Compostela, que foi a encargada de explicar aos asistentes as distintas actividades que realizan.

 Cinco autores

“Miradas” está composta por 27 fotografías de formato 30×45 centímetros, tiradas por cinco fotógrafos profesionais que de maneira altruísta: Cristina de Middel, que fotografou as actividades dos máis pequenos que acoden habitualmente á Fundación Down Compostela; Óscar Dacosta, que amosa a autonomía das persoas con síndrome de Down; Moncho Rivadulla, que captou a expresividade e o entusiasmo co que algúns nenos e nenas acoden ás clases de música; Rafa Pasadas, que ensina como a vida en parella é tamén unha realidade para moitas persoas con discapacidade; e Luís Díaz, que fotografou as diferentes e variadas afeccións dos protagonistas da exposición.

As 27 imaxes están agrupadas nestas cinco temáticas, de maneira que cada unha das series está acompañada dun panel explicativo e doutros dous paneis nos que se explica a filosofía do proxecto e se presenta a Fundación. Ademais de contemplar a mostra fotográfica, todos os que se acheguen polo centro cultural tamén poderán colaborar coa Fundación Down Compostela mercando por 5 euros o Calendario 2013 Down Compostela, cunha selección de doce das 27 fotografías. A recadación obtida da venda deste calendario destinarase a seguir traballando na mellora da calidade de vida das persoas con síndrome de Down.