O presidente da Fundación Down Compostela asinou esta mañá coa concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, o convenio de colaboración polo que o Concello de Santiago mantén unha achega de 10.000 euros para o desenvolvemento do programa de vida independente Esto é Vida, que pretende capacitar ás persoas coa Síndrome de Down ou discapacidade intelectual para vivir no seu propio fogar, planificar o seu futuro e a realizar os seus proxectos de vida.
As persoas usuarias de Down Compostela poden beneficiarse de estancias curtas na vivenda que a Fundación ten no barrio das Fontiñas, nas que o grupo é o encargado, seguindo sempre as directrices marcadas polo persoal profesional, de establecer unhas normas de convivencia baseadas no respecto e a participación activa dentro do fogar e na contorna comunitaria.
Breve descripción do programa ‘Esto é vida’
O Programa Esto é Vida non se constitúe como un recurso asistencial, senón como un servizo de formación e capacitación para aprender a vivir de xeito independente. Está deseñado para capacitar ás persoas coa síndrome de Down ou discapacidade intelectual para vivir no seu propio fogar, planificar o seu futuro e realizar os seus proxectos de vida. O obxectivo principal é mellorar a calidade de vida das persoas atendidas, capacitándoas para unha vida autónoma e activa, plenamente integrada na sociedade.
Actualmente, as persoas beneficiarias participan en estancias curtas que xeran experiencias de vida independente na que o grupo é o encargado de establecer unhas normas de convivencia baseadas no respecto e na participación activa dentro do fogar e a contorna comunitaria.
Ditas estancias consisten en estratexias planificadas de aprendizaxe e capacitación en autonomía e vida independente. Teñen lugar entre semana, de luns a venres durante todo o ano, aínda que tamén se deseñan e desenvolven estancias nocturnas, durante a fin de semana.O desenvolvemento das actividades ten lugar na vivenda cedida polo IGVS da Xunta de Galicia á Fundación Down Compostela situada no barrio das Fontiñas, en Santiago de Compostela. Nela as persoas usuarias desenvolven as diferentes tarefas domésticas que a xestión dun fogar require. Deste xeito, e sempre coa supervisión e apoio de profesionais, acádanse, grazas á colaboración entre participantes, as súas familias e os profesionais, os obxectivos para os que naceu este proxecto.