O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado pola concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, asinou os convenios de colaboración para o 2020 coas entidades Fundación Down Compostela, Colexio de Avogados, Cáritas, Cociña Económica e Fundación Secretariado Xitano. As contías dos convenios de colaboración asinados esta mañá fan un total de 251.581,94 euros, cos que as entidades financian diversas actividades realizadas ou a realizar neste 2020.

A Fundación Down Compostela recibirá 10.498,00 euros; 3.000 euros serán para o Colexio de Avogados; 120.000 para o programa de atención primaria de Cáritas, que recibe tamén 30.083,94 euros para o programa Vagalume ; para a Cociña Económica destínanse 65.000 euros; e 23.000 para a Fundación Secretariado Xitano.

Fundación Down Compostela
O convenio, asinado esta maña polo presidente de Down Compostela, Juan Martínez, financiará o proxecto de vida independemente «Isto é vida», que non se entende como un recurso no que a persoa beneficiaria vaia permanecer toda a vida, senón que está deseñado para capacitar ás persoas coa Síndrome de Down ou discapacidade intelectual para vivir no seu propio fogar, para planificar o seu futuro e para realizar os seus proxectos de vida.

Actualmente, as persoas usuarias participan en estancias curtas que xeran experiencias de vida independente na que o grupo é o encargado de establecer unhas normas de convivencia baseadas no respecto e na participación activa dentro do fogar e a contorna comunitaria.

As estancias consisten en estratexias planificadas de aprendizaxe e capacitación en autonomía e vida independente. Ditas estancias teñen lugar entre semana, de luns a venres durante todo o ano, aínda que tamén se deseñan e desenvolven estancias nocturnas, durante a fin de semana.

O desenvolvemento das actividades ten lugar na vivenda de Fontiñas (en cesión por parte do IGVS da Xunta de Galicia), onde as persoas usuarias levan a cabo as diferentes tarefas domésticas que a xestión dun fogar require. Deste xeito, e sempre coa supervisión e apoio de profesionais, acádanse, grazas á colaboración entre participantes, as súas familias e os profesionais, os obxectivos para os que naceu este proxecto.
familias e os profesionais, os obxectivos para os que naceu este proxecto.