O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe pola maña as instalacións da Fundación Down Compostela. Ao longo do percorrido, no que estivo acompañado polo presidente da Fundación, Juan Martínez, e da Federación Down Galicia, Delmiro Prieto González; e o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira, o conselleiro interesouse polas liñas de actuación educativa que se están a desenvolver tanto dende Down Compostela como dende a propia Federación Down Galicia.
Cómpre sinalar que entre as sete entidades que compoñen Down Galicia dáse cobertura a preto de douscentas alumnas e alumnos co síndrome de Down e discapacidade intelectual con idades entre os 3 e os 21 anos, escolarizados dentro do sistema educativo en Galicia, en 138 centros. Durante un encontro mantido tras o percorrido polas instalacións composteláns Vázquez Abad fixo referencia ao acordo de colaboración da Consellería coa Federación polo que se facilita este modelo de escolarización e unha mellor inclusión destes estudantes.
Acordo de colaboración
Vázquez Abad recordou que a través de dito convenio se facilita a presenza dos especialistas da Fundación Down Compostela, e os das outras entidades que conforman Down Galicia nos centos educativos que conten con estudantes con síndrome de Down ou con discapacidade intelectual. Do mesmo modo dáse asesoramento ao equipo docente e ao departamento de orientación sobre o axuste da intervención educativa necesaria para estas alumnas e alumnos. Ditos especialistas son persoal formado e traballador dalgunha das entidade de Down Galicia. Eles xunto ao profesor titor dos estudantes, e o xefe de departamento de orientación dos correspondentes centros educativos, elaboran un informe sobre o resultado das medidas de colaboración e as melloras que se poden aplicar de cara ao futuro.
Ademais, están programadas actividades de formación sobre a atención a este alumnado a través de distintas actividade levadas a cabo polo persoal das entidades do movemento asociativo Down en Galicia, entre as que se inclúen relatorios. Do mesmo xeito, este acordo de colaboración facilita a formación das familias deste alumnado a través de actividades e dunha constante comunicación entre o especialista e as nais e pais. Por outra banda lévanse a cabo proxecto de innovación pedagóxica, e a elaboración e publicación de materiais que faciliten o acceso as tecnoloxías da información e da comunicación.
Con esta visita Xesús Vázquez deu conta de primeira man das actividades que se están a realizar na Fundación Down Compostela, así como desde a Federación, especialmente no relativo ao acordo mantido desde esta federación coa Consellería a prol da escolarización do alumnado con síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual.
