- O público recompensou o traballo de actores e actrices con moitas risas e unha sonora ovación ao final da obra
- Lucas Herrador dirixíu un elenco formado por once mozos e mozas con síndrome de Down e discapacidade intelectual
Unha sonora ovación co público que enchía o Teatro Principal de Santiago posto de pé, e moitas risas e aplausos durante a representación. Foi a merecida recompensa que o Grupo de Teatro Down Compostela volveu colleitar coa interpretación da comedia ‘A pantalla máxica’ despois de tres anos alonxado dos escenarios por mor da pandemia.
Dirixida e adaptada por Lucas Herrador, A pantalla máxica está baseada no clásico El retablo de las maravillas, de Miguel de Cervantes. Durante a obra, os actores e actrices de Down Compostela souberon transmitir a importancia que moitas persoas lle dan as apariencias e de como estas condicionan a vida e as decisións de moitas persoas.
O Teatro Principal encheuse para asistir á estrea desta obra, que estivo interpretada por Irene Rodríguez,Kevin Suárez, Carmen Romero, Daniel López, David Aldrey, Raquel Suárez, Marina Menéndez, Daniel Martínez, Yasmín Malás, Patricia Puente e Alba Muíños.
A función foi especialmente emotiva debido a que o grupo leva máis de tres anos sen presentar o seu traballo nun escenario, por mor da pandemia. Nestes últimos meses, o listado de compoñentes mudou con novas incorporacións, aínda que se mantén o seu espírito fundacional: contar cousas, rir e reivindicar.
Nunha longa traxectoria que supera xa os dez anos, o Grupo de Teatro Down Compostela conseguiu galardóns como o Premio do Público na Mostra de Teatro de Rianxo de 2017. A pantalla máxica é a súa duodécima produción, despois da posta en escena de Todos os camiños levan a Santiago (Salón Teatro, 2019), La mansión de José Cruz (Teatro Principal 2018), Arturo, Arthur, Artur (Salón Teatro, 2017), Búscame a este tipo (Salón Teatro, 2016), Solo ante la Peligros (Salón Teatro, 2015), Las pruebas de Hércules (Salón Teatro e Casa de Cultura de Milladoiro, 2014), Bodas de sangre (Salón Teatro e Casa de Cultura de Milladoiro, 2013), Fuenteovejuna (Salón Teatro, 2012), Romeo y Julieta (Sala Nasa, 2011), Esopo y sus fábulas (Sala Nasa, 2010) e Alicia en el país de las maravillas (Auditorio de Galicia, 2009).