- Lucas Herrador dirixe un elenco formado por once mozos e mozas con síndrome de Down e discapacidade intelectual
- A obra baséase no entremés de Miguel de Cervantes ‘El retablo de las maravillas’
- A función comeza ás 20.00 horas con entrada de balde

O Grupo de Teatro Down Compostela porá en escena a obra A pantalla máxica o venres 16 de xuño no Teatro Principal a partir das 20.00 horas, con entrada de balde. A estrea desta comedia suporá o reencontro da compañía co público, despois dun parón de tres anos obrigado pola pandemia. Once mozos e mozas con síndrome de Down e discapacidade intelectual interpretarán un espectáculo baseado no clásico El retablo de las maravillas, de Miguel de Cervantes, adaptado polo director da obra, Lucas Herrador.
A pantalla máxica é unha obra humorística na que se fala das aparencias e de como estas condicionan a vida das persoas. O elenco de rapaces e rapazas pertencentes ao grupo de teatro de Down Compostela que aparecerán sobre as táboas fórmano Irene Rodríguez, Kevin Suárez, Carmen Romero, Daniel López, David Aldrey, Raquel Suárez, Marina Menéndez, Dani Martínez, Yasmín Malás, Patricia Puente e Alba Muíños, arroupados por un equipo técnico dirixido por Lucas Herrador. O cartel da obra é un deseño do artista compostelán Rafael Romero Masiá.
A función é especialmente emotiva debido a que o Grupo leva máis de tres anos sen presentar o seu traballo nun escenario, por mor da pandemia. Nestes últimos meses, o listado de compoñentes mudou con novas incorporacións, aínda que se mantén o seu espírito fundacional: contar cousas, rir e reivindicar.Nunha longa traxectoria que supera xa os dez anos, o Grupo de Teatro Down Compostela conseguiu galardóns como o Premio do Público na Mostra de Teatro de Rianxo de 2017. A pantalla máxica é a súa duodécima produción, despois da posta en escena de Todos os camiños levan a Santiago (Salón Teatro, 2019), La mansión de José Cruz (2018), Arturo, Arthur, Artur (Salón Teatro, 2017), Búscame a este tipo (Salón Teatro, 2016), Solo ante la Peligros (Salón Teatro, 2015), Alicia en el país de las maravillas (Auditorio de Galicia, 2009), Esopo y sus fábulas (Sala Nasa, 2010), Romeo y Julieta (Sala Nasa, 2011), Fuenteovejuna (Salón Teatro, 2012), Bodas de sangre (Salón Teatro e Casa de Cultura de Milladoiro, 2013) e Las pruebas de Hércules (Salón Teatro e Casa de Cultura de Milladoiro, 2014).