O Grupo de Teatro Down Compostela porá en escena a obra ‘Oro líquido’ o venres 7 de xuño no Salón Teatro a partir das 20.00 h. As entradas para asistir a esta representación poderán recollerse de balde desde as 19.00 h no despacho de billetes da sala. 

Quince mozos e mozas con síndrome de Down ou discapacidade intelectual interpretarán un espectáculo baseado no relato ‘Las aceitunas’, de Lope de Rueda, adaptado polo director da obra, Lucas Herrador.

‘Oro líquido’ é un sainete que se lle ocorreu escribir a Herrador despois de ver como un individuo con garabata intentaba explicar aos telespectadores que son e como se reparten as axudas europeas. 

O grupo de teatro Down Compostela leva ensaiando nove meses, con dúas sesións semanais nas instalacións da Fundación; ademais de preparar individualmente a súa voz e dicción con María García, voluntaria da entidade.

O elenco de rapaces e rapazas que aparecerán sobre as táboas do Salón Teatro fórmano Teresa Fraga, Raquel Suárez, David Aldrey, Kevin Suárez, Daniel Martínez, Javier Prieto, Carmiña Romero, Marina Menéndez, Irene Rodríguez, Daniel López, Javier Cacharrón, Yasmín Malás, Alba Muíños, Elena Zas e Yone Zas; arroupados por un equipo técnico de profesionais da entidade e dirixidos por Lucas Herrador.

O cartel da obra é un deseño do artista compostelán Rafael Romero Masiá, que colabora de forma desinteresada cada ano na creación do mesmo.

Nunha longa traxectoria que supera xa os dez anos, o Grupo de Teatro Down Compostela conseguiu galardóns como o Premio do Público na Mostra de Teatro de Rianxo de 2017. ‘Oro líquido’ é a súa décimo terceira produción, despois de ‘A pantalla máxica’ (Teatro Principal, 2023), ‘Todos os camiños levan a Santiago’ (Salón Teatro, 2019), ‘La mansión de José Cruz’ (2018),  ‘Arturo, Arthur, Artur’ (Salón Teatro, 2017), ‘Búscame a este tipo’ (Salón Teatro, 2016), ‘Solo ante la Peligros’ (Salón Teatro, 2015), ‘Alicia en el país de las maravillas’ (Auditorio de Galicia, 2009), ‘Esopo y sus fábulas’ (Sala Nasa, 2010), ‘Romeo y Julieta’ (Sala Nasa, 2011), ‘Fuenteovejuna’ (Salón Teatro, 2012), ‘Bodas de sangre’ (Salón Teatro e Casa de Cultura de Milladoiro, 2013) e ‘Las pruebas de Hércules’ (Salón Teatro e Casa de Cultura de Milladoiro, 2014).