A Fundación Down Compostela invertiu no ano 2012 un total de 1.806 horas lectivas nas 5 accións formativas incluidas no Programa de Inclusión Social e Laboral, as que se engadiron sesións individuais para o traballo de necesidades particulares dos 56 alumnos que participaron neste programa.

Esta formación completouse coa realización dun curso PIE (programa integrado para o emprego) e unha acción AFD (acción formativa para desempregados), das cales tamén se beneficiaron usuarios do Programa de Inclusión Social e Laboral 2012.

As áreas formativas deste ano foron as Habilidades Básicas e Polivalentes para o Emprego e o sector servizos (limpeza), así como a xardinería e o viveirismo, ámbitos formativos do PIE e o AFD.

Como consecuencia da formación impartida formalizáronse 6 contratos de traballo, e avanzaron na consecución dos obxectivos establecidos no seu programa individual un 92% dos alumnos.

A finais do mes de xaneiro de 2013 terá lugar o acto de entrega de diplomas.

Para desenvolver o Programa de Inclusión Social e Laboral, a Fundación Down Compostela contou coas axudas concedida pola Secretaría Xeral de Política Social, con financiación do Fondo Social Europeo a través do II Plan Galego de Inclusión Social, e pola Obra Social da Fundación La Caixa.