Representou a Fundación Down Compostela no acto de clausura na festa popular que rememora a celebrada en 1856 e reivindica valores como a fraternidade, a igualdade e a cultura popualr galega
A Fundación Down Compostela estivo presente este 24 de maio no Banquete de Conxo. No acto de despedida da festa, Pamela Casagrande fixo un brinde pola diversidade, pola igualdade que recoñece o valor de cada ser humano, pola igualdade de oportunidades e pola inclusión “que non só convida á festa senón que saca a todos a bailar”. Pamela amosou a súa esperanza de que es te brinde “non sexa só de palabras, senón de accións diarias nas nosas vidas”, e rematou a súa intervención reclamando “un mundo máis xusto, libre e humano”.

Pamela Casagrande foi unhas das convidadas a participar no acto oficial de despedida da festa e convite para a seguinte edición, xunto con Celia Pinaque, da Asociación de Veciños Mestra Victoria Míguez de Vidán; dos integrantes da Asociación de Veciños Domingo Cepeda do Eixo; dos Quinquilláns, e de Manolo Portas, que pronunciou o pregón de peche.
O Banquete de Conxo é unha festa popular que conmemora o Banquete celebrado en 1856, no que estudantes universitarios compartiron mesa con obreiros e artesáns, no que participaron figuras como Eduardo Pondal, Aurelio Aguirre ou Rosalía de Castro. É unha festa de convivencia e memoria histórica que reivindica valores como a fraternidade, a igualdade e a cultura popular galega.
Arxentina de nacemento “pero con alma e espirito galego” no seu corazón, Pamela Casagrande é unha das persoas usuarias de Down Compostela e traballadora de Limpiezas Salgado. Neste acto tan especial estivo acompañada por varias familias da Fundación.
Ao rematar a súa intervención, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, agasallou a Pamela cunha lámina das Dúas Marías e unha libreta conmemorativa do Día das Letras Galegas, dedicado este ano a Begoña Caamaño.
Reproducimos a continuación de xeito íntegro o brinde de Pamela:

Boa tarde a todos e a todas:
É un orgullo estar hoxe aquí, neste Banquete de Conxo, un lugar que ten tanta historia.
Hai moitos anos, a xente reuniuse para falar de liberdade e de irmandade, porque cando nos apoiamos os uns aos outros, chegamos moito máis lonxe.
Este brinde ten para min un significado moi especial.
Brindo! pola gran acollida que tiven nesta terra, xa que eu son arxentina, pero tamén teño alma e espírito galego dentro do meu corazón.
Por iso, hoxe levantamos as nosas copas por un futuro que xa estamos construíndo xuntos.
Brindemos , pola diversidade, que nos enriquece.
Pola igualdade, que recoñece o valor de cada ser humano. E pola igualdade de oportunidades, para que o talento e o esforzo non queden atrás por mor das barreiras sociais.
Brindemos, por unha inclusión que non só convida á festa. Senón que nos saca a todos a bailar.
Que este brinde non sexa só de palabras,
senón de accións diarias nas nosas vidas.
Por un mundo máis xusto, libre e humano!
Saúde!
