• “Somos persoas activas, con metas e aspiracións, que progresamos se se nos dá a oportunidade”, dixo a moza compostelá durante a gala conmemorativa do Día Mundial da Síndrome de Down
  • Escola de Música Play, Burger King e Chema Fernández recolleron o galardón durante a gala que xuntou a 300 persoas no Hostal dos Reis Católicos
  • O presidente da Fundación agadeceu o traballo e exemplo dos galardoados e reclamou a necesidade de seguir apostando por unha educación inclusiva que garanta a incorporación ao mercado laboral ordinario do colectivo
  • A gala estivo presidida polo alcalde de Santiago e a conselleira de Política Social

“Somos moito máis que estereotipos. Somos persoas activas, con metas e aspiracións, que progresamos se se nos da a oportunidade”, asegurou onte Pepa Lockhart durante a gala de entrega dos premios Down Compostela, que xuntou a preto de 300 persoas no Hostal dos Reis Católicos e na que se recoñeceu o traballo de Burger King, José María Fernández e a Escola de Música Play. A gala estivo presidida polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo,  conselleira de Sanidade, Fabiola García Martínez, e a deputada e representante da Deputación da Coruña Milagros Castro.

A moza compostelá con síndrome de Down, que presentou a gala xunto a Susana López, asegurou que a “vida non está marcada polo xénero, a orixe, a idade nin a condición xenética” de cada persoa. Durante a gala coa que a Fundación conmemora o Día Mundial da Síndrome de Down, Pepa quixo “facer oír a voz” das persoas con trisomía 21 e “reclamar os nosos dereitos”. 

Nun sentido similar se manifestou o presidente da Fundación, Juan Martínez, quen asegurou que para conseguir unha sociedade “máis igualitaria, máis xunta e máis próspera” é necesario “aproveitar as cualidades de cada persoa e buscar confluencias en vez de confrontacións”. Neste sentido agradeceu o traballo e o exemplo dos premiados pola Fundación, por darlles unha oportunidade as persoas con Síndrome de Down no eido laboral, musical e axudándolles a visibilizar todo o que poden facer, “como demostrou na súa actuación desta noite a Escola de Música Play”.

Juan Martínez quixo agradecer a aposta que fan moitos empresarios para contratar a persoas con Síndrome de Down ou discapacidade intelectual. “Neste momentos, en Down Compostela temos a 18 persoas traballando, o 85% delas con contratos indefinidos”, asegurou o presidente. “Para que isto se poida manter nun futuro, e incluso incrementar, necesitamos que dende as administracións se aposte claramente por unha educación inclusiva, dándolle a oportunidade non só as persoas con síndrome de Down, senón tamén ao resto do alumnado para que aprenda a convivir con persoas con capacidades diferentes”.

Na súa intervención, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, destacou o labor de Down Compostela, “non só coas persoas coa síndrome de Down, si non tamén coas súas familias e coa sociedade, dando visibilidade e desterrando prexuízos”.

A conselleira Fabiola García destacou a importancia dos premios Down Compostela “polo recoñecemento que fai das persoas do ámbito de Santiago que creen nas capacidades das persoas coa síndrome de Down”. A conselleira de Política Social felicitou aos premiados e deulle as gracias por facer de Santiago “unha cidade mais integradora, e afastar os estereotipos que existen sobre as persoas coa síndrome e Down”.

A deputada provincial Milagros Castro recoñeceu o compromiso das entidades e asociacións que, como Down Compostela, “contribúen na construción de igualdade de oportunidades”. 

Os premiados

A Fundación Down Compostela recoñeceu este ano cos seus premios á empresa Burger King, polo seu firme compromiso coa integración laboral das persoas coa Síndrome de Down e discapacidade intelectual; á escola de música Play, por entender como poucos que o mundo da arte, neste caso o da interpretación musical, non ten fronteiras; e ao empresario José María Fernández ‘Chema’, pola súa inquebrantable compromiso coa familia Down desde o mesmo momento en que naceu Down Compostela, incluso un pouco antes.

Burger King

Desde 2019 a cadea de restaurantes asentada en Santiago vén apostando por ofrecer oportunidades laborais aos nosos usuarios. A día de hoxe Burger King ten contratados con carácter indefinido a tres mozos de Down Compostela: Álvaro, Alex e Fran. Contratos indefinidos firmados ademais en plena pandemia. Recolleron o premio as xerentes de zona Laura Prego e Enma Trujillo

Escola de Música Play 

Varios mozos de Down Compostela, pero tamén outros nenos e mozos con distintas discapacidades asisten semanalmente a recibir a súas ensinanzas na Escola de Música Play, xunto a outros compañeiros e compañeiras sen discapacidade. Clases de piano, guitarra, violín, frauta… E non só clases. Tamén concertos e múltiples actividades as que organiza o centro e onde as persoas con discapacidade son unha máis, como ocorre en calquera orquestra. Recolleu o premio Isabel Bello, directora da escola.

José María Fernández, ‘Chema’

Dono da xoiería Jael, José María Fernández ‘Chema’ amosou un apoio incondicional a Down Compostela desde a súa creación. Como empresario, poñendo á venda produtos como a pulseira solidaria en beneficio de Down Galicia, ou patrocinando actos e eventos deste movemento asociativo, e como máximo responsable da Fundación Santiago Centro, a asociación de comerciantes do Ensanche, contando con persoas con Síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais como asistentes en diferentes actos públicos que organizan. 

Asistentes á Gala

A Gala de entrega dos X Premios Down Compostela xuntou no Hostal dos Reis Católicos de Santiago a preto de 300 persoas. Ademais do alcalde, a conselleira de Política Social e a deputada provincial, entre os asistentes atopábanse tamén o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López; os directores xerais da Xunta de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, e de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández; presidenta da Comisión de Discapacidade do Parlamento de Galicia, Carmen Pomar; portavoces e representantes dos catro grupos políticos da Corporación de Santiago, Mercedes Rosón (PSdeg), José Antonio Constenla (PP), María Rozas  (CA) e Goretti Sanmartín; o comisario da Policía Nacional, Juan Cástor Vázquez; o decano dea Facultade de Medicina, Julián Álvarez; o económo diocesano do Arzobispado, Fernando Barros; o alcalde de Rois, Ramón Tojo e a subdirectora de Humanización da área sanitaria de Santiago, María José Menor, ademais dunha ampla representación do tecido social, empresarial e do mundo asociativo de Santiago, e familias da Fundación Down Compostela.