- O Padroado da Fundación recoñece a implicación e aposta dos galardoados para facilitar a inclusión educativa e laboral das persoas con trisomía 21 e discapacidade intelectual
- A gala de entrega celebrarse o 20 de marzo no Hostal dos Reis Católicos para conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down
O Padroado da Fundación Down Compostela acordou por unanimidade recoñecer o traballo que veñen realizando Ofelia Vieites García, a El Corte Inglés Santiago de Compostela e ao instituto estradense Antón Losada Diéguezconcedéndolles os Premios Down Compostela 2024 por facilitar a integración laboral e educativa das persoas con Síndrome de Down ou discapacidade intelectual.
Os galardóns entregaranse o vindeiro 20 de marzo na gala que se celebrará no Hostal dos Reis Católicos e na que as persoas con Síndrome de Down e discapacidade intelectual volverán ser as protagonistas, xa que presentarán o acto e entregarán a escultura de Cándido Pazos que simbolizan estes premios, que celebran a súa undécima edición. O acto comezará ás 20.30 horas para conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down, que se celebra ao día seguinte tras a decisión da ONU de dedicar o 21-3 ás persoas con Trisomía 21 dende o ano 2012.
O Padroado da Fundación, nunha reunión extraordinaria celebrada esta mesma semana, acordou por unanimidade conceder os galardóns deste ano a:
Ofelia Vieites García
Polo compromiso e apoio incondicional que dende o ano 2015 ven realizando para facilitar o desenvolvemento nas instalacións de Viveiros Compostela das prácticas dos cursos de formación que promovemos na Fundación. Coa súa calidade e calidez, favorece a inclusión e a participación das persoas usuarias da Área de Formación e Emprego de Down Compostela nos diferentes departamentos da empresa, facilitándolles a posterior incorporación ao mercado laboral ordinario.
Ofelia destaca pola súa empatía, tendendo a man sempre en positivo para facer que a estancia en Viveiros Compostela sexa unha experiencia de aprendizaxe útil; con dinamismo e vontade de mellora continuada, sendo todo un exemplo para facilitar oportunidades de crecemento persoal e profesional.
El Corte Inglés de Santiago de Compostela
Pola súa confianza e forte compromiso coa inclusión laboral de persoas con Síndrome de Down ou discapacidade intelectual, contribuíndo a visibilizar as súas capacidades e habilidades así como normalizar un dereito universal: o dereito ao traballo.
A súa política corporativa de Recursos Humanos levounos a incorporar en 2022 a Paula Fernández, Irene Rodríguez-Toubes e a Jacobo Dopazo e, en 2023, a Angélica Gontán. Paula, Irene e Jacobo presumen hoxe de ter un contrato indefinido. Os catro demostraron que con valentía e perseverancia é posible conseguir e manter un posto de traballo.
Orgullosos da súa empresa e dispostos a aprender e mellorar profesionalmente cada día, conseguiron ser un exemplo para compañeiros e compañeiras, amizades, familiares e a sociedade en xeral.
El Corte Inglés de Santiago de Compostela sabe xerar alianzas que promoven a inserción laboral das persoas coa síndrome de Down ou discapacidade intelectual e crer nas súas posibilidades.
IES Antón Losada Diéguez
No IES Antón Losada saben como poñer o foco no contexto educativo e non nas dificultades da persoa, como puideron comprobar Sara Romero, no seu momento, e agora Fabián de Paz, nas aulas de formación profesional.
Este centro da Estrada favorece que o alumnado con necesidades educativas desenvolva as súas capacidades e habilidades ao máximo para conseguir unha calidade de vida digna. O equipo docente sabe que é necesario instaurar novas metodoloxías educativas e cambiar estruturas para fomentar unha inclusión real.
Entender que detrás do alumnado con síndrome de Down ou discapacidade intelectual hai soños, ilusións e capacidades é o primeiro paso para que o sistema educativo sexa realmente accesible e inclusivo.
No IES Antón Losada as persoas con discapacidade contan.
Premiados en edicións anteriores
Na primeira edición dos Premios Down Compostela, celebrada no 2012, foron galardoados o Concello de Santiago, a empresaria Sofía Cebro e Julio Castro Marcote, director do Hostal dos Reis Católicos. No 2013, os II Premios Down Compostela foron entregados ao CIEP Pérez Viondi de A Estrada, Pizza Móvil e BBVA. Os premiados no 2014 foron María García Quintas, a Asociación Cultural Rosalía de Castro, de Cacheiras (Teo), e a farmacéutica Keramat (Milladoiro, Ames).
No 2015 recibiron os Premios Down Compostela o catedrático de Estomatoloxía da USC Pedro Diz Dios, o Instituto As Fontiñas e Limpezas Salgado. No 2016 os galardoados foron o Concello de Rianxo, Leroy Merlín e José Antonio Rey. No 2017 foron entregados á ex directora do BBVA, Carmen Barbeito, o colexio Divino Maestro e a empresa XADE (que xestiona o Multiusos Fontes de Sar e Santa Isabel).
Os premios DOWN COMPOSTELA de 2018 foron para o Colexio Nuestra Señora del Rosario de Arzúa (colexio Atocha), a empresa Cafento, a directora do Centro Instituciones Galicia de Caixabank, María Jesús García Piñeiro; e a voluntaria Malena González Barreiro. No 2019 a Fundación premiou a Lourdes González-Laganá e Mar Caamaño; Vero Boquete, a escola infantil municipal de Meixonfrío e a empresa Universo Milongas. Os IX Premios Down Compostela –que se entregaron en 2022 tras quedar suspendidos no 2020 e 2021 pola pandemia do coronavirus– foron para a doutora María José Fernández Seara, o artista Xurxo Martiño e a empresa Emetel.
En 2023, os Premios Down Compostela recaeron en Burger King, a Escola de Música Play e o empresarios José María Fernández “Chema”.