A Capela Real do Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela acollerá o próximo 22 de marzo, a partir das 20:30 horas, a entrega dos X Premios Down Compostela. Unha gala na que as persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais volverán a ser as protagonistas, xa que serán as encargadas de conducir o acto e entregar os citados galardóns. O evento enmárcase na celebración do Día Mundial da Síndrome de Down, que se conmemora cada 21 de marzo. 

A Fundación Down Compostela acordou nesta ocasión recoñecer cos seus premios á empresa Burger King, polo seu firme compromiso coa integración laboral das persoas coa Síndrome de Down e discapacidade intelectual; á escola de música Play, por entender como poucos que o mundo da arte, neste caso o da interpretación musical, non ten fronteiras; e ao empresario José María Fernández ‘Chema’, pola súa inquebrantable compromiso coa familia Down desde o mesmo momento en que naceu Down Compostela, incluso un pouco antes.

Burger King

Desde 2019 a cadea de restaurantes asentada en Santiago vén apostando por ofrecer oportunidades laborais aos nosos usuarios. A día de hoxe Burger King ten contratados con carácter indefinido a tres mozos de Down Compostela: Álvaro, Alex e Fran. Contratos indefinidos firmados ademais en plena pandemia.

Escola de Música Play 

Varios mozos de Down Compostela, pero tamén outros nenos e mozos con distintas discapacidades asisten semanalmente a recibir a súas ensinanzas na Escola de Música Play, xunto a outros compañeiros e compañeiras sen discapacidade. Clases de piano, guitarra, violín, frauta… E non só clases. Tamén concertos e múltiples actividades as que organiza o centro e onde as persoas con discapacidade son unha máis, como ocorre en calquera orquestra.

José María Fernández, ‘Chema’

Dono da xoiería Jael, José María Fernández ‘Chema’ amosou un apoio incondicional a Down Compostela desde a súa creación. Como empresario, poñendo á venda produtos como a pulseira solidaria en beneficio de Down Galicia, ou patrocinando actos e eventos deste movemento asociativo, e como máximo responsable da Fundación Santiago Centro, a asociación de comerciantes do Ensanche, contando con persoas con Síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais como asistentes en diferentes actos públicos que organizan. 

Premiados en edicións anteriores

Na primeira edición dos Premios Down Compostela, celebrada no 2012, foron galardoados o Concello de Santiago, a empresaria Sofía Cebro e Julio Castro Marcote, director do Hostal dos Reis Católicos. No 2013, os II Premios Down Compostela foron entregados ao CIEP Pérez Viondi de A Estrada, Pizza Móvil e BBVA. Os premiados no 2014 foron María García Quintas, a Asociación Cultural Rosalía de Castro, de Cacheiras (Teo), e a farmacéutica Keramat (Milladoiro, Ames).

No 2015 recibiron os Premios Down Compostela o catedrático de Estomatoloxía da USC Pedro Diz Dios, o Instituto As Fontiñas e Limpezas Salgado. No 2016 os galardoados foron o Concello de Rianxo, Leroy Merlín e José Antonio Rey. No 2017 foron entregados á ex directora do BBVA, Carmen Barbeito, o colexio Divino Maestro e a empresa XADE (que xestiona o Multiusos Fontes de Sar e Santa Isabel). 

Os premios DOWN COMPOSTELA de 2018 foron para o Colexio Nuestra Señora del Rosario de Arzúa (colexio Atocha), a empresa Cafento, a directora do Centro Instituciones Galicia de Caixabank, María Jesús García Piñeiro, e a voluntaria Malena González Barreiro. No 2019 a Fundación premiou a Lourdes González-Laganá e Mar Caamaño; Vero Boquete, a escola infantil municipal de Meixonfrío e a empresa Universo Milongas. Os IX Premios Down Compostela -que se entregaron o ano pasado tras quedar suspendidos no 2020 e 2021 pola pandemia – foton para a doutora María José Fernández Seara, o artista Xurxo Martiño e a empresa Emetel.