A Fundación DOWN COMPOSTELA, nestes momentos de reclusión na casa por mor do estado de alerta xerado pola crise do coronavirus Covid-19, propón conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down participando na campaña ‘Calcetíns desparellos’, unha iniciativa coa que quere resaltar a diversidade que existe na sociedade e reclamar a igualdade de oportunidades para todas as persoas. Nesta iniciativa colaboran varios concellos como o de Santiago, Ames, Frades, Negreira, Teo e Trazo. 

A campaña vaise desenvolver a través das redes sociais “e pódese converter nunha actividade na que participen todos os membros da familia», sinala o presidente da Fundación. «Trátase de buscar nos caixóns calcetíns de diferentes cores, poñelos, facerse unha foto e compartila nas redes sociais de cada persoa», continúa, utilizando os cancelos #TanDiferentesComoIguais #CalcetínsDesparellos #CalcetinesDesparejados e DíaMundialSíndromeDown”. «Non é preciso que se vexa a cara, basta con que na imaxe aparezan os pés e parte da perna».

 “Aínda que nos poñamos calcetíns de cores ou de formas diferentes veremos que son tan diferentes como iguais, como ocorre coas persoas que formamos parte dunha sociedade tan diversa como na que vivimos”, engade Juan Martínez. 

O presidente da Fundación recorda a importancia que colaborar nestes intres coas autoridades sanitarias para loitar contra a crise do coronavirus Covid-19 quedando na casa. “Pero tamén dende a casa podemos contribuír e seguir loitando por unha sociedade máis inclusiva”, sinala Martínez.

Os Concellos de Ames e o de Teo colgaron unha pancarta na casa consistorial coa iniciativa, invitando á veciñanza a participar. Ademais, os de Santiago, Frades, Negreira e Trazo adiantaron que a van difundir esta iniciativa a través das súas redes sociais.

Hai unhas semanas, familiares, profesionais e persoas usuarias da Fundación DOWN COMPOSTELA gravaron un pequeno vídeo animando a todos e todas a participar na campaña ‘Calcetíns desparellos’.

Día Mundial da Síndrome de Down

A Asamblea Xeral das Nacións Unidas, en decembro de 2011, designou o 21 de mazo como Día Mundial de Síndrome de Down (as persoas con esta síndrome teñen 3 cromosomas no par 21), como medida para xerar unha maior conciencia social e recoñecer a valía das persoas coa síndrome de Down.

Dende marzo de 2012, a Fundación conmemora esta data coa entrega dos PREMIOS DOWN COMPOSTELA, para recoñecer o traballo das persoas, empresas, entidades e institucións que colaboración coa inclusión social das persoas con trisomía 21 en todos os ámbitos da vida. A gala de entrega dos galardóns, prevista para este venres, foi cancelada este ano por mor ca crise do coronavirus.

Nesta novena edición, os Premios DOWN COMPOSTELA foron concedidos a doctora María José Fernández Seara, ao artista Xurxo Martiño e a empresa Emetel pola súa implicación na mellora da saúde das persoas con Síndrome de Down e outras discapacidades ou enfermidades, por promover a expresión artística das persoas con trisomía 21 e por favorecer a súa inclusión laboral no campo das novas tecnoloxías.